E do radon, que sabes?

Publicado o: 01/02/2017

O radon está considerado como canceríxeno pola Organización Mundial da Saúde (OMS), de acordo coa Axencia Internacional para a Investigación do Cancro (IARC). A inhalación deste gas pode xerar cancro de pulmón debido á radiación que se produce na súa desintegración. Nos Estados Unidos está considerado a segunda causa de cancro pulmonar, tras o tabaco.

Os subsolos graníticos é onde máis radon se xera porque son ricos en uranio. Debes coñecer o nivel de radon da zona en que te atopas. Podes consultar o mapa de zonificación do radon do Consello de Seguridade Nuclear por municipios.

O risco de contraer cancro pulmonar debido ao radon depende de:

  • Do nivel de radon que hai na túa casa ou lugar de traballo.
  • A cantidade de tempo que permaneces neles.
  • Se es ou fuches fumador.

Lexislación sobre radon

  • Directiva 2013/59/Euratom do Consello do 5 de decembro de 2013 pola que se establecen normas de seguridade básicas para a protección contra os perigos derivados da exposición a radiacións ionizantes. O prazo de transposición venceu en febreiro de 2018.

A directiva europea regula tanto a exposición a radiacións no ámbito médico para mellorar a seguridade dos pacientes, os profesionais sanitarios e os equipos, como as exposicións ocupacionais e poboacionais a radiacións, e de forma expresa ao radon.

Esta directiva establece como valor límite de exposición laboral a radon de 300 Bq/m3. En España, está vixente o Real decreto 783/2001 que aproba o Regulamento de protección sanitaria contra radiacións ionizantes, e que establece un límite de 600 Bq/m3

De momento traspúxose a parte sanitaria e seguimos á espera da do ámbito laboral e público que protexe fronte ao radon.

 

  • Real decreto 732/2019 do 20 de decembro, polo que se modifica o Código Técnico da Edificación (CTE), que inclúe medidas de loita contra o radon.

Supón a trasposición parcial da Directiva 2013/59/EURATOM do Consello, do 5 de decembro de 2013.

Crea unha nova sección denominada DB-HS6 dentro dos documentos básicos de salubridade onde se establecen medidas regulamentarias se se supera o nivel de referencia de 300 Bq/m3. As medidas para limitar a penetración do radon nos edificios establécense en función do nivel de risco de radon do municipio en que se sitúen:

  • Zonas de risco I: entre 300 e 600 Bq/m3
  • Zonas de risco II: se superan os 600 Bq/m3

Os municipios aparecen relacionados no apéndice B e as medidas serán de aplicación en obras novas e en intervencións en edificios existentes, como ampliacións, cambios de uso ou reformas.