Saúde músculo-esquelética

Publicado o: 13/08/2020

Os nosos ósos, articulacións, músculos e os tecidos brandos que os acompañan forman o noso sistema músculo-esquelético. O seu estado determina a nosa mobilidade e a nosa forza.

Coidar do sistema músculo-esquelético é fundamental para minimizar posibles alteracións nas nosas estruturas corporais, evitar dor en músculos, tendóns e articulacións, así como para manter un completo estado de benestar físico, mental e social.

En xeral, a actividade física estimula o sistema músculoesquelético, xa que ao movernos fortalecémolo e dámoslle flexibilidade, sobre todo aos tecidos brandos que nutren ás articulacións. Porén, un uso intensivo, excesivo e continuado, sen o tempo que necesita para recuperarse e autorexenerarse, pode terminar danando o noso sistema e desencadear lesións ou trastornos músculo-esqueléticos (TME).

Os problemas de saúde por trastornos músculo-esqueléticos varían. Desde molestias e dores leves, ata enfermidades máis graves que requiren tratamento médico. Nos casos crónicos estes trastornos poden provocar algunha limitación e impedir que a persoa afectada manteña unha boa calidade de vida.

Neste apartado encontrarás información, instrumentos e recursos para identificar e previr a exposición a factores de risco que orixinan trastornos músculo-esqueléticos. Tamén coñecerás as últimas novidades lexislativas ao respecto e aprenderás hábitos de traballo para poder previr os trastornos músculo-esqueléticos desde todos os ámbitos. Ademais, coñecerás que son os exoesqueletos, unha das últimas tecnoloxías que chegou ás empresas, cos seus mitos, lendas e certezas.