Graos e contías das prestacións por incapacidade permanente

Publicado o: 11/02/2016

Graos de incapacidade permanente

Incapacidade permanente parcial para a profesión habitual

  • Limitación non inferior ao 33% no rendemento.

Incapacidade permanente total para a profesión habitual

  • Inhabilita á persoa traballadora para a súa “profesión habitual” pero pode dedicarse a outra distinta.

Incapacidade permanente absoluta para todo traballo

  • Inhabilita á persoa traballadora para toda profesión ou oficio.

Grande Invalidez:

  • Cando a persoa traballadora incapacitada permanente absoluta necesita a asistencia doutra persoa para os actos máis esenciais da vida.

Lesións non invalidantes causadas por AT e EP

Prestación consistente nunha indemnización a prezo fixado que a Seguridade Social recoñece as persoas traballadoras que sufran lesións, mutilacións e deformidades causadas por accidentes de traballo ou enfermidades profesionais, que sen chegar a constituír incapacidade permanente, supoñan unha diminución da integridade física do traballador ou traballadora, sempre que aparezan recollidas no baremo establecido para ese fin.


Contía das prestacións económicas

Indemnización por baremo

  • Importes recollidos na Orde TAS/1040/05 do 18 abril.
  • A prestación faise efectiva a partir da correspondente resolución.

Incapacidade Permanente Parcial

  • Consiste nunha indemnización a prezo fixado equivalente a 24 mensualidades da base reguladora que serviu para o cálculo da incapacidade temporal.
  • Efectos económicos. A prestación faise efectiva a partir da correspondente resolución.
  • A prestación está suxeita a tributación nos termos establecidos nas normas reguladoras do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) e sometida, se é o caso, ao sistema xeral de retencións a conta do imposto.
  • Compatibilidades. A prestación é compatible co desenvolvemento de calquera actividade laboral, tanto por conta allea como por conta propia, así como co mantemento do traballo que se viñese desenvolvendo.
  • As persoas traballadoras en incapacidade permanente parcial terán dereito a reincorporarse ao seu posto de traballo. As condicións de reincorporación dependerán do grao de incapacidade e da súa recuperación posterior.

Incapacidade Permanente Total

  • Consiste nunha pensión vitalicia do 55% da base reguladora.
  • Incrementarase un 20% para as persoas maiores de 55 anos cando se presuma dificultade de obter emprego en actividade distinta á habitual.
  • A prestación económica encóntrase suxeita a tributación nos termos establecidos nas normas reguladoras do Imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF), a excepción das pensións de incapacidade permanente total cualificada (75%) que se encontran exentas de tributación.
  • Efectos económicos da prestación. Fíxanse no momento da cualificación, é dicir, na data da resolución. Non obstante, poderán retrotraerse á data de extinción do subsidio de incapacidade temporal, cando a contía da pensión de incapacidade permanente sexa superior á do subsidio que se viña percibindo, non existindo retroacción, en ningún caso, se a persoa traballadora se encontraba en situación de demora da cualificación.
  • Efectos económicos do incremento do 20 %, nos casos de incapacidade permanente total cualificada, prodúcese desde a data da solicitude, cunha retroactividade máxima de 3 meses, sempre que concorran os requisitos necesarios para ter dereito ao citado incremento.

Compatibilidades.

Da pensión co traballo:

É compatible coa realización de calquera traballo por conta allea ou propia na mesma empresa ou noutra distinta.

É incompatible co desempeño do mesmo posto na empresa. 

Do incremento do 20% co traballo e outras prestacións:

A percepción do incremento do 20% é incompatible: coa realización de traballos por conta allea ou propia.

Incapacidade Permanente Absoluta

  • Consiste nunha pensión vitalicia do 100% da base reguladora
  • Efectos económicos da prestación. Fíxanse no momento da cualificación, é dicir, na data da resolución. Non obstante, poderán retrotraerse á data de extinción do subsidio de incapacidade temporal (alta con informe proposta), cando a contía da pensión de incapacidade permanente sexa superior á do subsidio que se viña percibindo, non existindo retroacción, en ningún caso, se a persoa traballadora se encontraba en situación de demora da cualificación

Compatibilidades.

A pensión non impedirá o exercicio daquelas actividades, sexan ou non lucrativas, compatibles co estado da persoa inválida e que non representen un cambio na súa capacidade de traballo para os efectos de revisión

Grande invalidez

  • Consiste nunha pensión vitalicia do 100% da base reguladora incrementada cun complemento.
  • Efectos económicos da prestación. Fíxanse no momento da cualificación, é dicir, na data da resolución. Non obstante, poderán retrotraerse á data de extinción do subsidio de incapacidade temporal (alta con informe proposta), cando a contía da pensión de incapacidade permanente sexa superior á do subsidio que se viña percibindo, non existindo retroacción, en ningún caso, se o traballador se encontraba en situación de demora da cualificación
  • As pensións por incapacidade permanente absoluta e as de grande invalidez están exentas de tributación nos termos establecidos nas normas reguladoras do Imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF).

Como se tramita esta prestación?