Prestación por coidado de menores afectados por cancro ou outra enfermidade grave

Publicado o: 30/09/2015
Prestación por coidado de menores afectados por cancro ou outra enfermidade grave

O subsidio ten por obxecto compensar a perda de ingresos que sofren as persoas afectadas ao ter que reducir a súa xornada, coa conseguinte diminución do seu salario, pola necesidade de coidar de maneira directa, continua e permanente os fillos ou menores ao seu cargo, durante o tempo da súa hospitalización e tratamento continuado da enfermidade.


Que protexe e a quen?

Está destinada ás persoas traballadoras de todos os réximes do sistema da Seguridade Social que deban reducir a súa xornada de traballo para o coidado do menor ao seu cargo, afectado por cancro ou outra enfermidade grave, que requira ingreso hospitalario e tratamento continuado da enfermidade.

Para a consideración de enfermidades graves/cancro será tida en conta a listaxe de enfermidades que figura na Orde TMS/103/2019, de 6 de febreiro, pola que se modifica o anexo do Real decreto 1148/2011, do 29 de xullo, para a aplicación e desenvolvemento, no sistema da Seguridade Social, da prestación económica por coidado de menores afectados por cancro ou outra enfermidade grave.


Requisitos para acceso á prestación

  • Que estean afiliados e en alta nalgún réxime do sistema da Seguridade Social e acrediten os períodos mínimos de cotización esixibles en cada caso. Requisitos de cotización: Real decreto 1148/2011 - artigo 5, parágrafo 2º.
  • Reduzan a súa xornada de traballo, polo menos, nun 50% da súa duración, e como máximo un 99,9%.
  • Os fillos ou menores acollidos a cargo do beneficiario deberán ser menores de 18 anos.
  • Os fillos ou menores acollidos deben padecer cancro ou calquera enfermidade grave que requirise nalgún momento un ingreso hospitalario.
  • A enfermidade que orixina a solicitude da prestación debe precisar un coidado directo, continuo e permanente dos seus proxenitores, adoptantes ou acolledores.

Outras consideracións

  • As persoas traballadoras contratadas a tempo parcial terán dereito ao subsidio por coidado de menores afectados por cancro ou outra enfermidade grave, cando a súa xornada efectiva de traballo sexa superior ao 25%. Se existe máis dun contrato a tempo parcial, compútase para o recoñecemento da prestación o total de porcentaxes de xornadas de traballo.
  • Nas situacións de pluriactividade, poderá percibirse o subsidio en cada un dos réximes da Seguridade Social en que se reúnan os requisitos esixidos.
  • Unicamente poderá gozar da prestación un dos dous proxenitores, existindo a posibilidade de alternar a prestación mediante acordo entre as persoas proxenitoras, adoptantes ou acolledoras e a empresa.
  • É imprescindible para o recoñecemento e aboamento da prestación que as persoas responsables do ingreso de cotas estean ao corrente no pagamento das cotas á Seguridade Social.
  • Nos casos de separación xudicial, nulidade ou divorcio, para o acceso á prestación é necesario que ambos os dous proxenitores sexan alta nalgún réxime da Seguridade Social. Nestes termos, a prestación queda recoñecida para o proxenitor que goza da custodia do menor e nos casos de custodia compartida para aqueles que soliciten a prestación en primeiro lugar. 

Contía

A prestación consiste nun subsidio equivalente ao 100% da base reguladora derivada de continxencias profesionais en función da porcentaxe de redución que experimente a xornada de traballo.

Cando a persoa traballadora non teña a cobertura dos riscos profesionais, será competente para a xestión da prestación a entidade xestora ou a mutua que asuma a cobertura da incapacidade temporal por continxencias comúns.


Duración

O subsidio recoñecerase por un período inicial dun mes, prorrogable por períodos de dous meses cando subsista a necesidade do coidado directo, continuo e permanente do menor, que se acreditará mediante declaración do facultativo do servizo público de saúde responsable da asistencia médica do menor.


Suspensión e extinción

A percepción do subsidio quedará en suspenso:

  • Nas situacións de incapacidade temporal, durante os períodos de descanso por maternidade e paternidade e nos supostos de risco durante o embarazo e de risco durante a lactación natural e, en xeral, cando a redución da xornada de traballo concorra con calquera causa de suspensión da relación laboral.
  • No suposto de alternancia na percepción do subsidio entre as persoas proxenitoras, adoptantes ou acolledoras.
  • Pola reincorporación plena ao traballo ou continuación total da actividade laboral da persoa beneficiaria.
  • Por non existir a necesidade do coidado directo, continuo e permanente do menor.
  • Cando unha das persoas proxenitoras, adoptantes ou acolledoras do menor cese na súa actividade laboral.
  • Por cumprir o menor 18 anos.
  • Por falecemento do menor.
  • Por falecemento da persoa beneficiaria da prestación.

Resolución e notificación do subsidio

A correspondente entidade xestora ditará resolución no prazo de trinta días, contados desde a recepción da solicitude. Logo de transcorrer este prazo, sen que se ditase e notificase resolución expresa, a solicitude entenderase desestimada.

Como se tramita esta prestación?