Semana Europea contra o Cancro – maio 2026

O cancro segue afectando miles de persoas en toda Europa cada ano. Causou a morte duns 1,3 millóns de persoas só en 2022, convertendose na principal causa de morte entre menores de 65 anos en Europa.
No ámbito laboral, cada ano prodúcense na UE 120.000 casos de cancro relacionado co traballo, e como resultado da exposición a carcinóxenos como a sílice, as madeiras duras, os fumes diésel ou o amianto, falecen 80.000 persoas ao ano.
Unha semana para a acción

A Semana Europea contra o Cancro (EWAC), celebrada cada ano entre o 25 e 31 de maio, é unha iniciativa liderada pola Asociación de Ligas Europeas contra o Cancro (ECL), unha efeméride que nesta edición, baixo o lema “Xuntos contra as desigualdades no cancro” pretende concienciar e sensibilizar sobre a importancia de acabar coas desigualdades no acceso á prevención, a detección precoz, o tratamento e a atención para todas as persoas.
O cancro causa 1 de cada 4 mortes na Unión Europea. Pero a boa noticia é que o 40 % dos casos de cancro en Europa pódense previr. O día 25 de maio está dedicado á prevención primaria.
Código Europeo Contra o Cancro
E se a prevención do cancro puidese comezar con cambios sinxelos e cotiáns e accións políticas intelixentes?
Este ano estréase a 5ª edición do Código Europeo Contra O Cancro (ECAC5) que recolle 14 maneiras de previr o cancro, dirixido ás persoas e os responsables políticos. A presente edición da semana europea quere axudar difundir este ECAC5.
