Real decreto-lei 20/2020
De 29 de maio, polo que se establece o ingreso mínimo vital.

Publicado o: 02/06/2020

O ingreso mínimo vital é unha prestación para fogares de calquera tamaño, tamén os unipersoais. Para todos os tipos de fogar requirirase polo menos un ano ininterrompido de residencia legal e efectiva en España, excepto nas situacións de violencia de xénero, trata e explotación sexual.

Para que lle sexa recoñecida a prestación, o fogar debe ter uns ingresos totais inferiores á renda garantida para o seu tipo de unidade de convivencia. Ademais, esixirase un patrimonio (descontando a vivenda habitual) inferior a 3 veces a renda garantida anual para un fogar unipersoal, cunha escala de incrementos por número de membros no fogar.

A prestación percibirase mensualmente e cobrarase en 12 pagas. Poderase solicitar a partir do día 15 de xuño, aínda que, para as solicitudes presentadas nos tres primeiros meses, se concederá con efectos retroactivos a 1 de xuño.

Poderase presentar a solicitude a través da sede electrónica da Seguridade Social ou mediante o envío da documentación por correo ordinario.


Modificación do artigo 71.1. f) LXSS (Subministración de información ás entidades xestoras das prestacións económicas da Seguridade Social):

 “f) As mutuas colaboradoras coa Seguridade Social facilitarán telematicamente ás entidades xestoras responsables da xestión das prestacións económicas da Seguridade Social os datos que poidan afectar ao nacemento, modificación, conservación ou extinción do dereito a estas que sexan recoñecidas por aquelas.”


Nova redacción á disposición adicional centésimo cuadraxésimo primeira da Lei 6/2018, de 3 de xullo, de Orzamentos xerais do Estado para o ano 2018:

 «Disposición adicional centésimo cuadraxésimo primeira. Creación da Tarxeta Social Dixital (antes tarxeta social universal).

 Un. Créase a Tarxeta Social Dixital, co obxectivo de mellorar e coordinar as políticas de protección social impulsadas polas diferentes administracións públicas.

A Tarxeta Social Dixital destinarase aos seguintes usos:

  1. a) A xestión dos datos de identificación das prestacións sociais públicas de contido económico e situacións subxectivas incluídas no seu ámbito de aplicación e dos seus beneficiarios, mediante a formación dun banco de datos automatizado.
  1. b) O coñecemento coordinado e a cesión de datos entre as entidades e organismos afectados, co fin de facilitar o recoñecemento e a supervisión das prestacións sociais públicas por eles xestionadas.
  1. c) O acceso e a consulta das administracións públicas e outras entidades do sector público integradas no sistema que xestionen prestacións sociais públicas de contido económico.
  1. d) A explotación estatística coa finalidade de elaborar estudos e formular análises encamiñadas á mellora das políticas sociais públicas.

 

Dous. A Tarxeta Social Dixital incluirá a información actualizada correspondente a todas as prestacións sociais contributivas, non contributivas e asistenciais, de contido económico, financiadas con cargo a recursos de carácter público, e ademais recollerá unha información sobre as situacións subxectivas previstas no apartado Catro desta disposición adicional, e ofrecerá, con base nesa información, funcionalidades e utilidades ás distintas administracións públicas e aos cidadáns.

Regulamentariamente, regularase o procedemento para que os cidadáns poidan utilizar as funcionalidades e utilidades da Tarxeta Social Dixital.

Tres. Atribúese ao Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, a través do Instituto Nacional da Seguridade Social, a administración, a xestión e o mantemento do rexistro e do sistema informático que dará soporte á Tarxeta Social Dixital e ás funcionalidades inherentes a ela, de acordo coas prescricións contidas nesta disposición adicional e nas súas normas de desenvolvemento regulamentario.

Catro. As administracións públicas, entidades e organismos e empresas públicas responsables da xestión das prestacións sociais públicas de contido económico enumeradas no apartado Dous facilitarán ao Instituto Nacional da Seguridade Social a información actualizada correspondente aos datos de identificación dos titulares das prestacións económicas, así como, cando determinen ou condicionen o recoñecemento e mantemento do dereito a aquelas, dos beneficiarios, cónxuxes e outros membros das unidades familiares, e os importes e clases das prestacións aboadas e a data de efecto da súa concesión ou recoñecemento.

Os organismos competentes dependentes do Ministerio de Facenda ou, se for o caso, das administracións tributarias forais, dentro de cada exercicio anual e conforme ao artigo 95 da Lei 58/2003, de 17 de decembro, xeral tributaria, e a normativa foral equivalente, están obrigadas a subministrar ao Instituto Nacional da Seguridade Social información relativa aos niveis de renda dos cidadáns afectados que se beneficien de prestacións sociais públicas de contido económico, para o cal ese instituto remitirá o ficheiro de beneficiarios á administración tributaria que corresponda en cada caso para que sexa incluído por esta para cada perceptor o seu nivel de renda.

Pola súa parte, as administracións públicas, entidades e organismos con competencias de xestión ou de coordinación estatal en materia de discapacidade, dependencia, demanda de emprego, familia numerosa e calquera outra situación subxectiva relevante, que así se determine regulamentariamente, facilitarán ao Instituto Nacional da Seguridade Social a información actualizada sobre estas situacións en relación con todos os cidadáns afectados.

As anteriores previsións desenvolveranse segundo o principio de cooperación entre administracións públicas ao servizo do interese xeral.

Cinco. As administracións públicas, entidades e organismos responsables da xestión das prestacións sociais públicas definidas no apartado Dous terán acceso a toda a información da Tarxeta Social Dixital. Igualmente, o cidadán terá acceso a toda a información rexistrada sobre a súa persoa na Tarxeta Social Dixital.

Seis. O tratamento de datos previsto na Tarxeta Social Dixital baséase no interese público que representa dispor dun sistema informático integrado no que se recollan todas as prestacións sociais públicas de contido económico e situacións subxectivas relevantes que afecten aos cidadáns. A información contida na Tarxeta será sometida á normativa vixente en materia de protección de datos das persoas físicas.

Sete. As prestacións sociais públicas de carácter económico definidas no apartado Dous incorporaranse de forma gradual á Tarxeta Social Dixital de acordo cos prazos, requisitos e procedementos que se establezan mediante norma regulamentaria.

Oito. O Goberno fica facultado para ditar todas as disposicións que foren necesarias para a aplicación e o desenvolvemento desta disposición adicional.»

 

Vigor: 1 de xuño de 2020

Descarga o Real decreto-lei 20/2020