Incapacidade permanente e extinción de contrato

Publicado o: 18/07/2025

No día 1 de maio de 2025 entrou en vigor a Lei 2/2025, do 29 de abril, pola que se modifican o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, en materia de extinción do contrato de traballo por incapacidade permanente das persoas traballadoras, e o texto refundido da Lei Xeral da Seguridade Social, aprobado polo Real decreto lexislativo 8/2015, do 30 de outubro, en materia de incapacidade permanente.

As principais novidades son:

Modificación do art. 48.2 ET. Suspensión con reserva do posto de traballo
Engade un parágrafo ao artigo 48.2 que remite á nova letra n) do art. 49.1, que recoñece a situación da persoa traballadora como un suposto de suspensión con reserva do posto de traballo, de acordo co seguinte texto: “Nos supostos previstos na letra n) do artigo 49.1 considerarase tamén que subsiste a suspensión da relación laboral, con reserva do posto de traballo, durante o tempo en que se resolven os axustes razoables ou o cambio a un posto vacante e dispoñible.”
 
Modificación do art. 49.1 e) e adición n) do ET. Suspensión con reserva do posto de traballo
Morte como causa única de extinción do contrato
O art. 49.1, e) elimina a referencia á grande invalidez ou incapacidade permanente total ou absoluta da persoa traballadora como causas de extinción do contrato de traballo.

Extinción do contrato por vontade da persoa traballadora e ligada á posibilidade da empresa de acometer os axustes razoables ou o cambio de posto de traballo:
O novo artigo 49.1, n) condiciona a posibilidade de extinción do contrato pola “declaración de grande incapacidade, incapacidade permanente absoluta ou total da persoa traballadora” á vontade da persoa traballadora: 

  • No prazo de 10 días naturais seguintes á notificación da resolución que cualifica a IP, a persoa traballadora manifestará por escrito a súa vontade de manter a relación laboral.
  • A empresa disporá dun prazo máximo de 3 meses desde a notificación da resolución para realizar os axustes razoables ou o cambio de posto. Cando o axuste supoña unha carga excesiva ou non exista un posto de traballo vacante e dispoñible, acorde co perfil profesional e compatible coa nova situación da persoa traballadora, ou cando existindo esa posibilidade a persoa traballadora rexeite o cambio de posto de traballo adecuadamente proposto. A empresa terá o mesmo prazo para extinguir o contrato. A decisión será motivada e deberá ser comunicada por escrito á persoa traballadora.
  • Para determinar a carga excesiva será tido en conta o custo das medidas de adaptación en relación co tamaño, os recursos e situación económica e o volume de negocio total da empresa; por tanto, no se considerará excesiva cando sexa paliada en grao suficiente mediante medidas, axudas ou subvencións públicas. Prevese que, cando se trate de empresas de menos de 25 persoas traballadoras, se considerará excesiva cando o custo da adaptación, sen ter en conta axudas ou subvencións, supere a contía maior da indemnización que corresponda en virtude do art. 56.1 e seis meses de salario da persoa que solicita a adaptación.
  • Os SP determinarán, de acordo co disposto na normativa aplicable e tras consultar coa representación das persoas traballadoras en materia de prevención de riscos laborais, o alcance e as características das medidas de axuste, incluídas as relativas á formación, información e vixilancia da saúde da persoa traballadora, e identificarán os postos de traballo compatibles coa nova situación da persoa traballadora.


Modificación do art. 49.1 e) e adición n) do ET. Suspensión con reserva do posto de traballo

Engádese o seguinte parágrafo (terceiro) ao artigo 174.5:

  1. Cando de acordo co establecido no art. 49.1.n) a extinción da IT é por resolución que recoñece a situación de IP (IPT, IPA, GI), non determina a extinción por levar a cabo a empresa a adaptación razoable, necesaria e adecuada ao posto de traballo ou por destinar a persoa traballadora a outro posto:

    • Os efectos económicos da IP quedarán en suspenso mentres se manteña o desempeño do mesmo posto de traballo con adaptacións ou outro que sexa incompatible coa percepción da pensión que corresponda (198 LXSS).


Adaptación terminolóxica

2. Complemento de asistencia de terceira persoa: todas as referencias do ET e da LXSS a “grande invalidez” son substituídas por “grande incapacidade”.
3. Incapacidade non contributiva: todas as referencias do ET e da LXSS a “invalidez non contributiva” son substituídas por “incapacidade non contributiva”.

 

Modificación da Lei 36/2011, do 10 de outubro, reguladora da xurisdición social.

art. 120. Tramitación. Ao artigo referido á tramitación da extinción do contrato de traballo por causas obxectivas engádese un parágrafo que indica o carácter urxente e a tramitación preferente para os supostos previstos no art. 49.1.n) do Estatuto dos traballadores.

Nos supostos de incapacidade permanente nos seus graos de Total, Absoluta ou Gran Incapacidade, é importante que coñezas que dereitos, obrigas e accións comporta a nova normativa para a túa empresa e para as persoas en cadro de persoal.