Real decreto-lei 18/2020
Do 12 de maio, de medidas sociais en defensa do emprego.

Publicado o: 13/05/2020

O Real decreto-lei recolle un conxunto de medidas que afondan na protección dos postos de traballo xa iniciada nos anteriores reais decretos leis, aprobados desde o inicio da incidencia da crise sanitaria da COVID-19.

ERTE

  1. Prorroga os ERTE por forza maior ata o 30 de xuño de 2020 para aquelas empresas que non poidan recuperar a súa actividade por causas de forza maior. 
  2. As empresas que poidan recuperar parcialmente a súa actividade poderán proceder á incorporación de persoas traballadoras, afectadas polo ERTE, e primarán os axustes en termos de redución de xornada. 
  3. As empresas deberán comunicar á autoridade laboral a renuncia total, se é o caso, ao ERTE nun prazo de quince días e ao SEPE as variacións nos datos de persoas traballadoras incluídas neses expedientes. 
  4. Modifícase a Disposición adicional sexta do Real decreto-lei 8/2020, do 17 de marzo, que garante o compromiso do mantemento do emprego, por parte das empresas, nun prazo de seis meses desde a data de continuación da súa actividade, e entenderase por iso a reincorporación ao traballo efectivo de persoas afectadas polo expediente, aínda cando esta sexa parcial ou só afecte a parte do cadro de persoal. 
  5. As empresas e entidades que teñan o seu domicilio fiscal en paraísos fiscais non poderán acollerse á prórroga dos ERTE por forza maior. 
  6. As empresas e entidades que se acollan aos beneficios derivados da prórroga dos ERTE por forza maior non poderán proceder á repartición de dividendos durante o exercicio fiscal correspondente á aplicación dos ERTE, agás se devolven a parte correspondente á exoneración aplicada a cotas da Seguridade Social.

Exoneración de cotas á Seguridade Social

  1. Mantense a exoneración das cotas á Seguridade Social para as empresas que continúen en ERTE de forza maior total, exoneración que será do 75% para empresas de 50 ou máis traballadores. 
  1. Para as empresas inmersas nun ERTE por forza maior parcial establécense diferentes tramos:
    • Para os traballadores que volven á súa actividade a exoneración será do 85% en maio e do 70% en xuño (empresas con menos de 50 traballadores no 29 de febreiro de 2020).
    • En empresas de 50 ou máis traballadores a exención acadará o 60% en maio e o 45% en xuño.
    • Con respecto a traballadores que continúen coas súas actividades suspendidas, nun ERTE de forza maior parcial, a exoneración será do 60%, en maio, e do 45% en xuño (empresas con menos de 50 traballadores) e do 45% en maio e do 30% en xuño (empresas de 50 ou máis traballadores).

Comisión de seguimento tripartita laboral

Créase unha comisión de seguimento tripartita laboral do proceso de desconfinamento, que estará integrada polas persoas para ese fin designadas polo Ministerio de Traballo e Economía Social, o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, CEOE, CEPYME e as organizacións sindicais máis representativas, CC OO e UGT.


Modificación do Real decreto-lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social da COVID-19

artigo 24.1:

 «1. Nos expedientes de suspensión de contratos e redución de xornada autorizados de acordo coa forza maior temporal vinculada á COVID-19 definida no artigo 22, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social exonerará a empresa do aboamento da achega empresarial prevista no artigo 273.2 do texto refundido da Lei xeral da Seguridade Social, aprobado polo Real decreto lexislativo 8/2015, do 30 de outubro, así como do relativo ás cotas por conceptos de recadación conxunta, durante os meses de marzo e abril de 2020, cando, no día 29 de febreiro de 2020, tivese menos de 50 persoas traballadoras, ou asimiladas a persoas traballadoras por conta allea, en situación de alta na Seguridade Social. Se a empresa tivese 50 persoas traballadoras, ou asimiladas a persoas traballadoras por conta allea, ou máis, en situación de alta na Seguridade Social, a exoneración da obriga de cotizar acadará o 75% da achega empresarial.»

 

artigo 24.5 (novo apartado)

 «5. As exoneracións reguladas neste artigo serán a cargo dos orzamentos da Seguridade Social no caso da achega empresarial por continxencias comúns, das mutuas colaboradoras no caso da achega empresarial por continxencias profesionais, do Servizo Público de Emprego Estatal no caso da achega empresarial para desemprego e por formación profesional e do Fondo de Garantía Salarial no caso das achegas que financian as súas prestacións.»

 

Disposición adicional sexta. Salvagarda do emprego.

 «1. As medidas extraordinarias no ámbito laboral previstas no artigo 22 do presente real decreto-lei estarán suxeitas ao compromiso da empresa de manter o emprego durante o prazo de seis meses desde a data de continuación da actividade e entenderase por iso a reincorporación ao traballo efectivo de persoas afectadas polo expediente, aínda cando esta sexa parcial ou só afecte a parte do cadro de persoal.

Este compromiso entenderase incumprido se se produce o despedimento ou extinción dos contratos de calquera das persoas afectadas polos devanditos expedientes.

Non se considerará incumprido ese compromiso cando o contrato de traballo se extinga por despedimento disciplinario declarado como procedente, dimisión, morte, xubilación ou incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez da persoa traballadora, nin pola fin do chamamento das persoas con contrato fixo-descontinuo, cando este non supoña un despedimento senón unha interrupción del. En particular, no caso de contratos temporais o compromiso de mantemento do emprego non se entenderá incumprido cando o contrato se extinga por expiración do tempo convido ou a realización da obra ou servizo que constitúe o seu obxecto ou cando non se poida realizar de forma inmediata a actividade obxecto de contratación.

Este compromiso do mantemento do emprego valorarase en atención ás características específicas dos distintos sectores e a normativa laboral aplicable, e teranse en conta, en particular, as especificidades daquelas empresas que presentan unha alta variabilidade ou estacionalidade do emprego.

Non resultará de aplicación o compromiso de mantemento do emprego naquelas empresas en que concorra un risco de concurso de acredores nos termos do artigo 5.2 da Lei 22/2003, do 9 de xullo, concursal.

As empresas que incumpran este compromiso deberán reintegrar a totalidade do importe das cotizacións de cuxo pagamento resultaron exoneradas, coa recarga e os xuros de mora correspondentes, segundo o que se establece nas normas recadadoras en materia de Seguridade Social, logo das actuacións para ese fin da Inspección de Traballo e Seguridade Social que acredite o incumprimento e determine as cantidades que hai que reintegrar.»


Modificación do Real decreto-lei 9/2020, do 27 de marzo, polo que se adoptan medidas complementarias, no ámbito laboral, para paliar os efectos derivados da COVID-19.

Modificación Disposición final terceira. Entrada en vigor e vixencia.

 «Este real decreto-lei entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no "Boletín Oficial do Estado" e manterá a súa vixencia durante o estado de alarma decretado polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, e as súas posibles prórrogas.

Os artigos 2 e 5 manterán a súa vixencia ata o 30 de xuño de 2020