Programa de redución da sinistralidade por trastornos musculoesqueléticos

Publicado o: 08/01/2016
Programa TME

Os trastornos musculoesqueléticos (TME) son as lesións relacionadas co traballo máis comúns. Afectan traballadores e traballadoras de todos os sectores e representan un problema importante en materia de saúde e de custos asociados. Máis dun terzo dos accidentes de traballo e as tres cuartas partes das enfermidades profesionais son de carácter musculoesquelético.

De acordo cos datos publicados pola Axencia Europea de Seguridade e Saúde no Traballo (OSHA), os trastornos musculoesqueléticos son a enfermidade profesional máis común na Unión Europea (EU-27):

  • O 25% das persoas traballadoras europeas queíxase de dores de lombo e o 23% declara ter dores musculares.
  • O 62% das persoas traballadoras da EU-27 está exposta durante unha cuarta parte do tempo ou máis a movementos repetitivos de mans e brazos, o 46% a posturas dolorosas ou extenuantes e o 35% transportan ou moven cargas pesadas.
  • No caso de determinados riscos, como os traballos en que se trasladan persoas, as mulleres sofren un maior risco que os homes, unha exposición do 11% contra un 6% durante unha cuarta parte do tempo ou máis.

Os TME son afeccións custosas debido aos seus custos directos (seguros, indemnizacións, custos médicos e administrativos) e indirectos (substitución de persoal, perda de produtividade, desmotivación, etc.)

Un programa que mellora os trastornos musculoesqueléticos, a produtividade e a calidade de vida

O tempo para conseguir baixar os indicadores por debaixo da media depende do tipo de lesión máis común na empresa, aínda que xeralmente se necesitan entre 12 e 24 meses.

  • Cando as lesións son causadas polo manexo de cargas, adoita ser máis fácil obter resultados a curto prazo, xa que en moitos casos a solución pasa por achegar axudas mecánicas de instalación sinxela e custo non elevado.

  • Cando as lesións son causadas por un mal deseño do posto de traballo, os resultados hai que esperaros nun prazo de 12 a 24 meses, xa que requiren a modificación das estacións de traballo, recolocando os seus elementos, o cal segue un proceso de redeseño, moitas veces é preciso alterar o proceso de produción durante as melloras, e por veces afecta ao lay-out do proceso.

Un plan de acción áxil, coherente e profesional

O plan de acción estrutúrase en diferentes fases para maximizar a súa eficacia e retorno: 

  1. Análise previa da sinistralidade: o noso persoal técnico de prevención elabora un informe de sinistralidade en que analiza o volume e tipo de accidentes e enfermidades profesionais.
  2. Visita a empresa: concértase unha reunión coa persoa interlocutora da empresa para explicarlle o diagnóstico inicial e a proposta de colaboración para a redución da sinistralidade.
  3. Diagnóstico de puntos críticos e elaboración do programa de acción: o noso persoal técnico de prevención analiza en profundidade os motivos e factores que inflúen na sinistralidade, elabora un diagnóstico e propón un plan de acción que cobre un período de entre 12 e 24 meses.
  4. Actividades a desenvolver polos nosos técnicos e técnicas
    • Achega de boas prácticas ergonómicas (da base de datos existentes).
    • Elaboración de boas prácticas para resolver os problemas detectados coa participación de ergónomos do laboratorio de ergonomía.
    • Formación (deseño de postos de traballo para os técnicos da empresa).
    • Achega de documentación.
  5. Actividades a desenvolver pola empresa: todas as actividades contempladas na Lei de prevención de riscos laborais como responsabilidade empresarial son desenvolvidas pola empresa a través da modalidade organizativa da prevención de riscos laborais que esta adoptase.
  6. Posta en marcha do programa: desenvolvemento de accións e seguimento en reunións periódicas.
  7. Asesoramento permanente: o noso persoal técnico de prevención asesora en todo momento ás persoas responsables da empresa sobre calquera aspecto do plan e de evolución da sinistralidade.