Campañas de sensibilización

Publicado o: 13/01/2016

As campañas teñen como obxectivo sensibilizar de forma pedagóxica os traballadores sobre temas específicos para incrementar a súa concienciación no seu posto de traballo.

Prevención de trastornos musculoesqueléticos (TME)

O obxectivo é o de conservar a saúde do aparello musculoesquelético dos traballadores, mediante actividades de reforzo deste ou de preparación para a actividade laboral.

Dirixido a empresas que desexen complementar o seu programa de mellora de condicións de traballo ergonómico con actividades de mantemento da saúde dos traballadores, centradas no aparello musculoesquelético. En empresas con elevados indicadores de lesións TME deberase valorar a conveniencia de compatibilizar ambas as dúas accións.  

O programa inclúe a realización dunha enquisa entre os traballadores para coñecer os síntomas e molestias que sofren e a partir desta información elaborar as táboas de exercicios físicos. Os técnicos de prevención, coa colaboración de fisioterapeutas, levan a cabo a formación na empresa.


Taller sobre xestión do estrés

O obxectivo desta actividade é o de sensibilizar os traballadores sobre a importancia do estrés, mecanismos de actuación, causas, as medidas para previr ou reducir a súa incidencia, ofrecendo diferentes técnicas de afrontamento do estrés que permitan promover e crear un estilo de vida saudable entre os traballadores. 

A actividade consiste na aplicación de talleres divulgativos sobre manexo práctico do estrés. É unha charla divulgativa que inclúe orientacións sobre xestión do tempo, planificación, focalización en positivo, etc. É dicir, estratexias básicas de como xestionar factores estresores de orixe psicosocial, co obxecto de reducir a percepción de determinados factores como estresantes por parte dos traballadores.


Prevención de accidentes in itinere e in mision

Obxectivo: reducir a sinistralidade relacionada cos accidentes de tráfico ocorridos nos traxectos de ida ou volta entre o domicilio habitual e o traballo ou en desprazamento por traballo.

Está dirixida a empresas a partir de 250 traballadores, ou en xeral en empresas con servizo de prevención propio e que teñan elevado nivel de sinistralidade de tipo in itinere - in mision.

A campaña de prevención de accidentes in itinere desenvólvese en catro fases:

  • Análise e planificación.
  • Deseño.
  • Implantación.
  • Valoración e peche.
  • Seguimento.

Prevención cardiovascular

O seu obxectivo xeral é previr os factores de risco cardiovascular, tanto a nivel individual como colectivo. Como obxectivos complementarios establecéronse os seguintes:

  • Mellorar a calidade de vida e a saúde dos traballadores.
  • Diminuír factores de risco para a saúde.
  • Diminuír o absentismo e as horas de traballo perdidas.
  • Mellorar a percepción do ambiente sociolaboral.

Desenvólvese en 4 fases:

  1. Fase de información.
  2. Fase de identificación.
  3. Fase de estudo.
  4. Fase de control e seguimento.