Lexislación sobre canceríxenos

A Directiva 2004/37/CE, na nosa lexislación Real decreto 665/1997, sobre canceríxeno e mutáxeno data de hai máis de 20 anos. Actualmente está sendo obxecto dunha profunda modificación, seguindo a política europea de prevención fronte á exposición a canceríxenos.
Primeira modificación
A primeira modificación Directiva (UE) 2017/2398 publicouse o 27 de decembro de 2017 e foi trasposta á nosa lexislación polo Real decreto 1154/2020 publicado o 23 de decembro de 2020. Os principais cambios son:
- Ampla a vixilancia da saúde das persoas traballadoras despois de cesar a exposición laboral.
- Inclúe os traballos que supoñan exposición ao po respirable de sílice libre cristalina no seu anexo I.
- Establece límites de exposición para 11 substancias canceríxenas máis.
- Modifica o valor límite do cloruro de vinilo monómero e do po de madeiras duras; este último queda reducido a 2 mg/m3 e de forma transitoria a 3 mg/m3 ata o 2023.
Segunda modificación
A segunda modificación Directiva (UE) 2019/130 publicouse o 31 de xaneiro de 2019 e foi trasposta polo Real decreto 427/2021 o 15 de xuño de 2021. Os principais aspectos que achega esta modificación son:
- Traballos que supoñan exposición cutánea a aceites minerais previamente utilizados en motores de combustión interna para lubrificar e refrixerar os elementos móbiles do motor e Traballos que supoñan exposición a emisións de motores diésel.
- Engádense seis axentes máis ao Anexo III: Tricloroetileno, 4,4´Metilendianilina, Epiclorhidrina, Dibromuro de etileno, Dicloruro de etileno e Emisións de motores diésel.
Terceira modificación
A terceira modificación Directiva (UE) 2019/983 publicouse o 20 de xuño de 2019 e foi incorporada na nosa lexislación polo Real decreto 395/2022 publicada o 25 de maio de 2022.
Esta modificación:
- Engade cinco axentes máis ao Anexo III: cadmio, berilio, ácido arsénico, 4,4´metilenbis (MOCA) e formaldehído, establecendo valores límites coincidentes cos VLA do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST). Unicamente, o cadmio ve reducido seu VL á metade e dispón como medida transitoria a súa entrada en vigor no ano 2027.
Cuarta modificación
A cuarta modificación Directiva (UE) 2022/431 publicouse o 16 de marzo de 2022 e debe trasporse á nosa lexislación antes do 5 de abril de 2024. Os cambios máis salientables desta nova modificación son:
- Amplía o seu campo de actuación aos axentes reprotóxicos pasando a denominarse “Directiva 2004/37/CE do Parlamento e do Consello, do 29 de abril de 2004, relativa á protección dos traballadores contra os riscos relacionados coa exposición durante o traballo a axentes carcinóxenos, mutáxenos ou reprotóxicos”.
- Establece as medidas que hai que adoptar para minimizar a exposición aos tóxicos para a reprodución en función de se dispón ou non de limiar de nivel de exposición segura.
- Engade catorce axentes máis ao Anexo III: acrilonitrilo e compostos de níquel, por ser canceríxenos e doce axentes reprotóxicos, entre eles chumbo, nitrobenceno, monóxido de carbono.
- Esta directiva dispón dunha declaración pola que se inclúe no seu ámbito de aplicación aos medicamentos perigosos que conteñan na súa composición axentes CMR categorías 1A ou 1B, entre eles os citotóxicos.
Novos avances da Comisión Europea para a protección de traballadoras e traballadores fronte ao cancro de orixe laboral
Acceder