Disposición adicional quinta. Medidas extraordinarias para as empresas e persoas traballadoras das Illas Canarias afectadas pola erupción volcánica rexistrada na zona de Cumbre Vieja.
Real decreto-lei 18/2021

Publicado o: 01/10/2021

As empresas afectadas pola erupción volcánica rexistrada na zona de Cumbre Vieja, que teñan códigos de conta de cotización correspondentes ás provincias da Comunidade Autónoma das Canarias, que visen ou vexan impedido ou limitado o desenvolvemento da súa actividade normalizada e que se lles autorice un expediente de regulación temporal de emprego de acordo co previsto no artigo 47.3 do texto refundido da Lei do estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, como consecuencia do devandito motivo, terán dereito aos beneficios extraordinarios previstos nesta disposición adicional, nos termos regulados nos apartados seguintes.
En relación con estes expedientes, a autoridade laboral deberá ditar unha resolución no prazo de cinco días, resultando facultativo a solicitude do informe ao que fai referencia o artigo 33.1 do Regulamento dos procedementos de despedimento colectivo e de suspensión de contratos e redución de xornada, aprobado polo Real decreto 1483/2012, do 29 de outubro.

No caso de ausencia de resolución expresa, entenderase estimada a solicitude.

Estes expedientes producirán efectos desde a data do feito causante da forza maior e manteranse vixentes ata o 28 de febreiro de 2022, resultándolles, se é o caso, igualmente de aplicación o mecanismo de transición regulado no artigo 2, apartados 2 e 3.

As empresas ás que se refire o apartado 1 poderán beneficiarse, respecto das persoas traballadoras que teñan as súas actividades suspendidas ou reducidas, polos períodos e porcentaxes de xornada afectados pola suspensión, das porcentaxes de exoneración, para os meses de setembro de 2021 a febreiro de 2022, que se indican a continuación:

  1. Os expedientes de regulación temporal de emprego por impedimentos na actividade poderán beneficiarse dunha exoneración do 100 por cento da achega empresarial devindicada durante o período de peche, e ata o 28 de febreiro de 2022.
  2. Os expedientes de regulación temporal de emprego por limitacións na actividade poderán beneficiarse dunha exoneración do 90 por cento da achega empresarial devindicada durante o período afectado, e ata o 28 de febreiro de 2022.

As exencións ás que se refire esta disposición aplicaranse ao aboamento da achega empresarial prevista no artigo 273.2 do texto refundido da Lei xeral da Seguridade Social, así como do relativo ás cotas por conceptos de recadación conxunta.

O procedemento e requisitos para a aplicación das exoneracións de cotas ás que se refire esta disposición adicional serán os establecidos no artigo 2 do Real decreto-lei 30/2020, do 29 de setembro.

As persoas traballadoras afectadas polos expedientes de regulación temporal de emprego previstos nesta disposición beneficiaranse, así mesmo, das medidas extraordinarias previstas no artigo 6.

Ademais, o tempo en que se perciba a prestación por desemprego de nivel contributivo que traia a súa causa inmediata das citadas circunstancias extraordinarias non computará para os efectos de consumir os períodos máximos de percepción establecidos.

As exencións na cotización reguladas nesta disposición adicional son incompatibles coas establecidas no artigo 4.


No caso de que a situación excepcional descrita no apartado 1 se prolongue máis alá do 28 de febreiro de 2022, o Goberno levará a cabo as actuacións oportunas para que a vixencia das medidas contidas nesta disposición adicional se prolongue mentres se manteña a devandita situación.