En que cambia a normativa para a cotización dos bolseiros?

Desde o 1 de xaneiro de 2024, todas as persoas que estean a realizar prácticas pasan a cotizar na Seguridade Social. Podedes encontrar a norma completa no Real decreto-lei 8/2023, do 27 de decembro.

Entra en vigor a nova DA 52.ª á LXSS que regula os termos de inclusión no sistema da Seguridade Social de alumnos que realicen prácticas formativas ou prácticas académicas externas incluídas en programas de formación.

A quen afecta?

Aos estudantes en prácticas (remuneradas ou non)

Este tipo de prácticas comprende:

  • As realizadas por alumnos universitarios, tanto as dirixidas á obtención de titulacións oficiais de grao, mestrado e doutoramento como as dirixidas á obtención dun título propio da universidade, xa sexa un mestrado de formación permanente, un diploma de especialización ou un diploma de experto.
  • As realizadas por alumnos de formación profesional, sempre que estas non se presten no réxime de formación profesional intensiva.

Quen terá que cumprir coas obrigas en materia de Seguridade Social?

Fíxanse as seguintes regras:

  1. Prácticas formativas remuneradas: corresponderá á entidade ou organismo que financie o programa de formación.

O cumprimento das obrigas da Seguridade Social corresponderá á entidade ou organismo que financie o programa de formación, que asumirá para este fin a condición de empresario. No suposto de que o programa estea cofinanciado por dúas ou máis entidades ou organismos, terá a condición de empresario aquel ao que corresponda facer efectiva a respectiva contraprestación económica.

As altas e as baixas na Seguridade Social practicaranse de acordo coa normativa xeral de aplicación.

  1. Prácticas formativas non remuneradas: corresponderá á empresa ou á entidade onde se desenvolvan as prácticas, salvo convenio que diga que a responsable é a entidade formadora.

O cumprimento das obrigas da Seguridade Social corresponderá á empresa, institución ou entidade en que se desenvolvan, non sendo que no convenio ou acordo de cooperación que, se é o caso, se subscriba para a realización destas se dispoña que esas obrigas van corresponder ao centro de formación responsable da oferta formativa. Quen asuma a condición de empresario deberá comunicar os días efectivos de prácticas a partir da información que facilite o centro onde se realice a práctica formativa.

A entidade que resulte responsable, conforme o indicado no parágrafo anterior, solicitará da Tesouraría Xeral da Seguridade Social a asignación dun código de conta de cotización específico para este colectivo de persoas.

(Identificaranse na XISS [GISS] co TRL 993 Prácticas formativas non remuneradas)

A entidade que asuma a condición de empresa para os efectos das obrigas coa Seguridade [letras a) e b) do apdo. 4 da DA 52.ª á LXSS] adquire a condición de suxeito obrigado e responsable do ingreso da totalidade das cotas á Seguridade Social.

Como se realizarán as altas e as baixas na Seguridade Social?

As altas e as baixas na Seguridade Social practicaranse de acordo coa normativa xeral de aplicación, salvo as excepcións previstas na norma analizada:

  • A alta realizarase ao inicio das prácticas formativas e a baixa ao finalizaren, sen prexuízo de que para a cotización á Seguridade Social e a súa acción protectora sexan tidos en conta exclusivamente os días en que se realicen as referidas prácticas.
  • O prazo para comunicar á Tesouraría Xeral da Seguridade Social a alta e a baixa será de dez días naturais desde o inicio ou finalización das prácticas.
  • O apartado 2 da disposición transitoria —DT— décima do RDL 8/2023 establece un prazo excepcional, que finalizará o día 31 de marzo de 2024, para comunicar á TXSS as altas e as baixas na Seguridade Social correspondentes ao inicio ou finalización das prácticas formativas non remuneradas ás que se refire a citada disposición adicional quincuaxésimo segunda que teñan lugar no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 20 de marzo de 2024.

Cotización

A cotización no sistema de Seguridade Social dos alumnos que realicen prácticas formativas ou prácticas académicas externas incluídas en programas de formación, ata que se aprobe a Lei de orzamentos xerais do Estado para o ano 2024, axustarase, no devandito exercicio, ás seguintes regras:

- Prácticas formativas remuneradas: aplicaranse as cotas únicas mensuais por continxencias comúns e profesionais correspondentes aos contratos de formación en alternancia, de conformidade co apartado 6.a) da disposición adicional quincuaxésimo segunda do texto refundido da LXSS.

- Prácticas formativas non remuneradas:de conformidade coa DA 52.ª 7.a) da LXSS, a cotización consistirá nunha cota empresarial, por cada día de prácticas, de 2,54 euros por continxencias comúns excluída a prestación de incapacidade temporal e de 0,31 euros por continxencias profesionais, sen que poida superarse a cota máxima mensual por continxencias comúns de 57,87 euros e por continxencias profesionais de 7,03 euros.

Da cota diaria por continxencias profesionais de 0,31 euros, 0,16 euros corresponderán á continxencia de incapacidade temporal e 0,15 euros ás continxencias de incapacidade permanente e morte e supervivencia.

- En ambos os casos: ás cotas por continxencias comúns será de aplicación a redución do 95 por cento establecida no apartado 5.b) da disposición adicional quincuaxésimo segunda do texto refundido da LXSS, o que resulta nunha cota empresarial, por cada día de prácticas, de 0,13 euros por continxencias comúns excluída a prestación (máxima mensual: 2,89).

Acción protectora

- A acción protectora será a correspondente ao réxime da Seguridade Social aplicable, coas seguintes exclusións: protección por desemprego, cobertura do Fondo de Garantía Salarial, formación profesional (a persoa que realice prácticas non laborais, ao non cotizar por estes conceptos, tampouco percibirá as prestacións ligadas a eles).

No entanto:

  • No suposto das prácticas non remuneradas tamén se excluirá a protección pola prestación de incapacidade temporal derivada de continxencias comúns.
  • As prestacións económicas por nacemento e coidado de menor, risco durante o embarazo e risco durante a lactación natural serán aboadas pola entidade xestora ou, se é o caso, pola mutua colaboradora, mediante pagamento directo.
  • As prestacións que correspondan pola situación de incapacidade temporal aboaranse en todo caso mediante pagamento delegado.

- Non cotizan ao MEI.

Prácticas formativas non remuneradas: A base de cotización mensual aplicable para os efectos de prestacións será o resultado de multiplicar a base mínima de cotización vixente en cada momento respecto do grupo de cotización 8 polo número de días de prácticas formativas realizadas no mes natural co límite, en todo caso, do importe da base mínima de cotización mensual correspondente ao grupo de cotización 7.

Para os efectos de prestacións, cada día de prácticas formativas non remuneradas será considerado como 1,61 días cotizados, sen que poida superarse, en ningún caso, o número de días do mes correspondente. As fraccións de día que puidesen resultar do coeficiente anterior computaranse como un día completo.

Como complemento a esta normativa, podes consultar o BNR núm. 16/2023, do 29 de decembro de 2023. Nel a TXSS aclara aspectos da mecanización das novidades:

  1. a) Prazo excepcional para comunicar as altas e as baixas na Seguridade Social.
  2. b) Prácticas formativas iniciadas e non concluídas antes do día 1 de xaneiro de 2024.
  3. c) Campo de aplicación subxectivo da DA 52.ª da LXSS: ensinanzas artísticas superiores, ensinanzas artísticas profesionais e ensinanzas deportivas do sistema educativo.
  4. d) Non inclusión no ámbito de aplicación da DA 52.ª da LXSS de determinadas persoas e dereito a outras prestacións.
  5. e) Contías das cotas empresariais durante o ano 2024, ata que se aprobe a Lei de orzamentos xerais do Estado para o ano 2024.

 

Ademais, a Dirección Xeral de Ordenación da Seguridade Social publicou uns criterios en relación aos distintos aspectos da DA 52.ª da LXSS.


Queres volver buscar respostas sobre algún tema?