Incapacidade temporal
Real decreto lexislativo 8/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral da Seguridade Social.
Artigo 169. Concepto.
1) Terán a consideración de situacións determinantes de incapacidade temporal:
a) As debidas a enfermidade común ou profesional e a accidente, sexa ou non de traballo, mentres o traballador reciba asistencia sanitaria da Seguridade Social e estea impedido para o traballo, cunha duración máxima de trescentos sesenta e cinco días, prorrogables por outros cento oitenta días cando se presuma que durante eles pode o traballador ser dado de alta médica por curación.
b) Os períodos de observación por enfermidade profesional nos que se prescriba a baixa no traballo durante estes, cunha duración máxima de seis meses, prorrogables por outros seis cando se estime necesario para o estudo e diagnóstico da enfermidade.
2) Para os efectos do período máximo de duración da situación de incapacidade temporal que se sinala na letra a) do apartado anterior, e da súa posible prórroga, computaranse os períodos de recaída e de observación.
Considerarase que existe recaída nun mesmo proceso cando se produza unha nova baixa médica pola mesma ou similar patoloxía dentro dos cento oitenta días naturais seguintes á data de efectos da alta médica anterior
Artigo 170. Competencias sobre os procesos de incapacidade temporal.
1) Ata o cumprimento do prazo de duración de trescentos sesenta e cinco días dos procesos de incapacidade temporal, o Instituto Nacional da Seguridade Social exercerá, a través da súa inspección médica, as mesmas competencias que a Inspección de Servizos Sanitarios da Seguridade Social ou o órgano equivalente do respectivo servizo público de saúde para emitir unha alta médica para todos os efectos, así como para considerar que existe unha recaída no mesmo proceso, cando se dean as circunstancias que se recollen no último parágrafo do apartado 2 do artigo anterior.
Cando a alta fose expedida polo Instituto Nacional da Seguridade Social, este será este o único competente, a través da súa inspección médica, para emitir unha nova baixa médica producida pola mesma ou similar patoloxía nos cento oitenta días seguintes á citada alta médica.
2) Unha vez esgotado o prazo de duración trescentos sesenta e cinco días indicado no apartado anterior, a inspección médica do Instituto Nacional da Seguridade Social será a única competente para emitir a alta médica por curación, por melloría que permita a reincorporación ao traballo, con proposta de incapacidade permanente ou por incomparecencia inxustificada aos recoñecementos médicos convocados por tal entidade xestora. Do mesmo xeito, a referida inspección médica será a única competente para emitir unha nova baixa médica na situación de incapacidade temporal producida, pola mesma ou similar patoloxía, nos cento oitenta días naturais posteriores á citada alta médica.
A falta de alta médica, unha vez esgotado este prazo, suporá que a persoa traballadora estea en situación de prórroga de incapacidade temporal a que se refire o artigo 169.1.a) por presumirse que, dentro do período subseguinte de cento oitenta días, pode recibir a alta médica por curación ou melloría.
A colaboración obrigatoria no pagamento da prestación manterase ata que se notifique ao interesado a alta médica por curación, por melloría ou por incomparecencia inxustificada aos recoñecementos médicos, ou ata o último día do mes en que o Instituto Nacional da Seguridade Social expedise a alta médica con proposta de incapacidade permanente, ou ata que se complete o período máximo de cincocentos corenta e cinco días, data na que finalizará en todo caso.
As empresas colaboradoras na xestión da Seguridade Social ás que fai referencia o artigo 102.1.a) manterán o pagamento ao seu cargo da prestación ata a data en que se notifique ao interesado a alta médica ou a resolución pola que se extinga o dereito ao subsidio, incluída, se é o caso, a situación de prolongación de efectos económicos da incapacidade temporal a que se refire o artigo 174.5.
3) Fronte á alta médica por curación, por melloría ou por incomparecencia inxustificada aos recoñecementos médicos emitida pola inspección médica do Instituto Nacional da Seguridade Social unha vez esgotado o prazo de duración dos trescentos sesenta e cinco días indicado no apartado anterior, o interesado poderá manifestar, no prazo máximo de catro días naturais, a súa desconformidade ante a inspección médica do servizo público de saúde. Se esta discrepa do criterio da inspección médica do Instituto Nacional da Seguridade Social, terá a facultade de proporlle, no prazo máximo de sete días naturais, a reconsideración da súa decisión, especificando as razóns e o fundamento da súa discrepancia.
Se a inspección médica do servizo público de saúde se pronuncia confirmando a decisión da inspección médica do Instituto Nacional da Seguridade Social ou se non se produce ningún pronunciamento nos once días naturais seguintes á data da resolución, a mencionada alta médica adquirirá plenos efectos. Durante o período de tempo transcorrido entre a data da alta médica e aquela en que a mesma adquira plenos efectos considerarase prorrogada a situación de incapacidade temporal.
Se, no mencionado prazo máximo de sete días naturais a inspección médica do servizo público de saúde manifesta a súa discrepancia coa alta emitida pola inspección médica do Instituto Nacional da Seguridade Social, esta última pronunciarase expresamente nos sete días naturais seguintes, notificando ao interesado a reconsideración da alta médica ou a súa confirmación, que tamén se comunicará á inspección médica do servizo público de saúde. Se reconsidera a alta médica, recoñecerase ao interesado a prórroga da súa situación de incapacidade temporal para todos os efectos. Se, pola contra, se reafirma na súa decisión, para o cal presentará as probas complementarias que a fundamenten, a situación de incapacidade temporal só se prorrogará ata a data da última resolución.
Durante a prórroga da situación de incapacidade temporal, manterase a colaboración obrigatoria no pagamento da prestación, así como a colaboración voluntaria, se é o caso.
4) No desenvolvemento regulamentario deste artigo, regularase a forma de efectuar as comunicacións precisas para o exercicio das competencias previstas nel, así como a obriga de informar as empresas das decisións que se adopten e que lles afecten.
5) Así mesmo, de acordo co previsto na disposición adicional décimo novena da Lei 40/2007, do 4 de decembro, de medidas en materia de Seguridade Social, regulamentariamente regularase o procedemento administrativo de revisión, polo Instituto Nacional da Seguridade Social e a pedimento do interesado, das altas que expidan as entidades colaboradoras nos procesos de incapacidade temporal.
6) Os procesos para a impugnación das altas médicas emitidas polo Instituto Nacional da Seguridade Social rexeranse polo establecido nos artigos 71 e 140 da Lei 36/2011, do 10 de outubro, reguladora da xurisdición social.
