Que podo facer para evitar un cancro de páncreas?

Publicado o: 13/10/2020

Lee en contido completo en Infermeravirtual.com

cancro páncreas

A detección precoz da enfermidade é importante para tratala con éxito. A información necesaria para un bo diagnóstico e tratamento conséguese a través da historia clínica, a exploración física e as exploracións complementarias.

  • Historia clínica. Cando unha persoa vai á súa primeira visita por algún síntoma ou molestia ou derivada como consecuencia do programa de cribado, o médico, antes de facer calquera proba, fai moitas preguntas relacionadas coa súa saúde, as enfermidades previas, as doenzas dos seus familiares e certos estilos de vida, como os hábitos dietéticos, a situación laboral, o consumo de tabaco e alcohol… Ademais, o médico fai preguntas como, por exemplo, que lle pasa ou como se sente, é dicir, pregunta polos síntomas que presenta e como afectan a súa vida cotiá: número de síntomas, síntoma principal, tempo que hai que o ten, cando e como comezou, que é o que empeora os síntomas e que os mellora, entre outras preguntas.

 

  • Exploración física. Baséase no recoñecemento directo do corpo, mediante a auscultación, a palpación, a percusión e a observación para identificar signos da enfermidade. En función do resultado da exploración e segundo os posibles diagnósticos, o médico propón, se é necesario, facer unha serie de probas.
  • Exploracións ou probas complementarias. En función da valoración que o médico faga tanto da entrevista como da exploración física, solicitará aquelas probas que sexan necesarias para poder facer, confirmar ou descartar un diagnóstico determinado e fixar o tratamento máis adecuado.

Factores de risco non modificables

  • Sexo: O número de casos é levemente máis alto no sexo masculino. 
  • Raza: As persoas de raza negra son máis propensas a desenvolveren este tipo de cancro. A razón descoñécese pero pode que sexa polo alto índice de tabaquismo e diabetes entre os homes e o exceso de peso entre as mulleres desta raza. 
  • Idade: A maioría dos casos rexístrase en persoas de máis de 55 anos. 
  • Diabetes mellitus: As persoas diabéticas teñen un risco máis alto debido ás alteracións que se dan nas células pancreáticas. 
  • Pancreatite crónica: Trátase dunha enfermidade que afecta esta glándula, e a evidencia suxire que podería estar relacionada cunha propensión máis alta a ter cancro de páncreas. 
  • Cirrose hepática: As persoas que teñen esta enfermidade do fígado, que provoca a morte das células hepáticas normais e a súa substitución por tecido fibroso, parece que teñen un risco máis alto de teren cancro de páncreas. 
  • Antecedentes familiares: Se os pais ou os irmáns sufriron a enfermidade, o risco triplícase. O cancro de páncreas parece presentarse con máis frecuencia nalgunhas familias. Nalgunhas destas familias o alto risco débese ao feito de que teñen certas síndromes hereditarias, mentres que noutras familias se descoñece o xene que causa o risco aumentado de cancro de páncreas.

Factores de risco modificable (factores asociados aos estilos de vida)

  • O tabaco: Os fumadores teñen dúas ou tres veces máis risco de desenvolveren cancro de páncreas. 
  • Dieta: Inxestión elevada de carnes vermellas e graxas animais. 
  • Obesidade: As persoas con exceso de peso son máis propensas a desenvolveren cancro de páncreas.
  • Exposición ocupacional: A exposición intensa no traballo a certos insecticidas, tinturas e substancias químicas utilizadas no refino do metal podería aumentar o risco de ter cancro de páncreas.