A detección precoz da enfermidade é importante para tratala con éxito. A información necesaria para un bo diagnóstico e tratamento conséguese a través da historia clínica, a exploración física e as exploracións complementarias.
- Historia clínica. Cando unha persoa vai á súa primeira visita por algún síntoma ou molestia ou derivada como consecuencia do programa de cribado, o persoal médico, antes de facer calquera proba, fai moitas preguntas relacionadas coa súa saúde, as enfermidades previas, as doenzas dos seus familiares e certos estilos de vida, como os hábitos dietéticos, a situación laboral, o consumo de tabaco e alcohol, etc. Ademais, o persoal médico fai preguntas como "que lle pasa?" ou "como se sente?"; é dicir, pregunta polos síntomas que presenta e como afectan á súa vida cotiá (número de síntomas, síntoma principal, tempo que leva téndoo, cando e como empezou, que é o que empeora os síntomas e que os mellora, entre outras preguntas).
- Exploración física. Baséase no recoñecemento directo do corpo, mediante a auscultación, a palpación, a percusión e a observación para identificar signos da enfermidade. En función do resultado da exploración e segundo os posibles diagnósticos, o persoal médico propón, se é necesario, facer unha serie de probas.
- Exploracións ou probas complementarias. En función da valoración que o persoal médico faga tanto da entrevista como da exploración física, solicitará as probas que sexan necesarias para poder facer, confirmar ou descartar un diagnóstico determinado e fixar o tratamento máis adecuado.