Automedicación

Publicado o: 12/12/2014
Automedicación

Introdución

Cantos de nós entramos nunha farmacia a comprar un medicamento que xa tomaramos e que nos fora ben? Cantas veces seguimos o consello dun familiar ou coñecido que nos recomenda tomar tal ou cal medicamento porque el probouno e foille ben?

Os profesionais da saúde vimos observando con certa preocupación que, cada vez con máis frecuencia, as persoas tenden a medicarse para tratar diferentes afeccións ou enfermidades.

Dentro deste grupo de persoas que se automedican hai uns que o fan responsablemente, tratando as afeccións leves ou enfermidades que sufriron con anterioridade mediante os fármacos que se poden adquirir sen receita (EFP), pero hai unha porcentaxe elevada (28%) de persoas que o fan de maneira indiscriminada.


Definicións

Automedicación

Imos definir unha serie de conceptos que nos axudarán a entender mellor este artigo.

Fármaco

Composto químico que interacciona co organismo e proporciona métodos efectivos para o tratamento e prevención de enfermidades e síntomas.

Forma farmacéutica

Aos fármacos dáselles a forma máis axeitada para poder administralos, é dicir, encontramos os medicamentos en forma de comprimidos, xaropes, cápsulas, inxectables, etc.

Efectos adversos

Antes de ser comercializados, os medicamentos pasan longos procesos de autorizacións e ensaios clínicos para estudar os seus efectos, tanto os beneficiosos coma os adversos; porén, cando os utiliza a poboación xeral pódense detectar efectos pouco frecuentes ou os que aparecen despois dun uso continuado.

Os efectos adversos son efectos nocivos e non intencionados que se presentan cando se toma un medicamento nas doses axustadas ás características persoais (idade, peso, sexo, etc.). Cando se sospeita que un medicamento nos pode estar producindo unha reacción adversa, debe comunicarse ao médico que nolo receitou ou ben ao farmacéutico; eles serán os responsables de notificalo ao centro autonómico de Farmacovixilancia.

Automedicación

A automedicación refírese ao uso responsable de medicamentos por parte da persoa, normalmente cando coñece tantos os síntomas da súa enfermidade como os medicamentos para combatela.

Autoprescrición

Refírese ao uso indiscriminado de fármacos sen indicación nin prescrición médica e sen ter en conta que todo medicamento supón un perigo potencial se non é utilizado axeitadamente.

EFP

“Especialidades farmacéuticas publicitarias” son medicamentos que non precisan receita para a súa dispensación e, ademais, están sometidos a publicidade nos medios de comunicación. As EFP son o mesmo que os fármacos OTC (over the counter), é dicir, “medicamentos de mostrador”. Son medicamentos e preparados autorizados para alixeirar enfermidades leves como por exemplo:

  • Dores leves (dor de cabeza, dores dentais, musculares, menstruais)
  • Molestias intestinais (acidez de estómago, flatulencia, estrinximento, diarrea)
  • Arrefriados, estados gripais
  • Afeccións de pel(proídos, picaduras de insectos)
  • Etc.

Nome comercial

Se vostede non está familiarizado co ámbito sanitario e dígolle palabras como por exemplo diclofenaco, piroxicam ou metamizol pareceralle que falo outro idioma, pero se digo Voltaren, Feldene ou Nolotil, saberá que estou dicindo nomes de medicamentos. No primeiro caso chameinos polo seu nome xenérico ou principio activo e no segundo caso chameinos polo seu nome comercial.

Cando se comercializa unha substancia para o seu uso como medicamento, os laboratorios danlle un nome xenérico ou denominación común internacional, rexistrado pola OMS e un nome comercial. Un mesmo principio activo pode ser comercializado por diferentes laboratorios, adquirindo, polo tanto, diferentes nomes comerciais ou marcas. (Véxase táboa)

 
Principio activoNomes comerciaisGrupo farmacolóxico
Paracetamol
  • Gelocatil
  • Termalgin
  • Febrectal
  • Apiretal
Analxésico/antitérmico
Ibuprofeno
  • Neobrufen
  • Espidifen
  • Dalsy
AINE
Amoxicilina
  • Ardine
  • Clamoxyl
  • Eupen
Antibiótico
Diazepan
  • Valium
  • Vincosedan
  • Stesolid
Ansiolítico

Medicamentos xenéricos

Son medicamentos que teñen o mesmo principio activo (ex.: ibuprofeno, omeprazol, diazepam, etc.), a mesma forma farmacéutica (ex.: comprimidos, xaropes, cápsulas, etc.), a mesma dose e a mesma bioequivalencia (compórtase da mesma maneira e ten o mesmo efecto sobre o organismo) que o medicamento orixinal, con marca. Un medicamento xenérico recoñécese porque o nome do medicamento leva engadidas as siglas EFG (siglas en español de "especialidade farmacéutica xenérica"). Estes medicamentos ofrécennos a mesma seguridade que outro medicamento de marca, xa que todos os fármacos aprobados polo Ministerio de Sanidade pasaron controis de seguridade e eficacia.

A diferenza entre os medicamentos con marca e os xenéricos é fundamentalmente o aforro económico; os xenéricos son máis económicos debido aos menores custos de investigación e desenvolvemento do fármaco.


Beneficios da automedicación

Automedicación

A automedicación permite a solución ou o alivio de moitas molestias e pequenos problemas de saúde (enfermidades leves de pescozo, estómago, oído, tose, arrefriados, algunhas dores crónicas, etc.) que se nos presentan, pódese realizar desde a propia autonomía dun individuo ben informado no uso de técnicas e medicamentos útiles e seguros. Un paciente ben informado sobre por que se lle receita un medicamento aceptará de bo grao as decisións do médico.

Esta maneira independente de tomar medicamentos é complementaria (e non oposta, o contacto médico-paciente non debe desaparecer) á tarefa do médico e evitaranos desprazamentos, esperas e outros inconvenientes da asistencia sanitaria, que en moitos casos está conxestionada.

Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), a automedicación xera os seguintes beneficios a nivel persoal e social:

  • O alivio ou a solución de pequenos problemas de saúde pódese facer de forma autónoma e complementaria á tarefa profesional dos médicos.
  • Increméntase a autonomía e a responsabilidade das persoas no coidado da súa saúde.
  • Evítanse esperas, desprazamentos, perdas de tempo, etc.
  • Contribúese ao desafogo do sistema sanitario, conxestionado por enfermidades susceptibles de tratarse de forma autónoma.

A automedicación é unha realidade que debe asumirse. A información e a educación sanitaria poden axudar a que se faga de forma responsable e positiva e que se consiga erradicar a automedicación indesexable e perigosa.


Consecuencias da automedicación

Automedicación

O Ministerio de Sanidade e Consumo recentemente informaba de que un 28% dos españois manifesta que é consumidor de fármacos por iniciativa propia ou consello alleo e preto do 10% das urxencias hospitalarias son causadas polo uso indebido de medicamentos.

Sen coñecementos suficientes sobre os riscos e vantaxes dos medicamentos e sobre cando e como utilizalos, a miúdo as persoas non obteñen os resultados clínicos esperados e, ademais, poden sufrir efectos adversos que poden comprender desde dor de cabeza, mareo ou somnolencia ata complicacións graves de enfermidades xa existentes.

A utilización de fármacos con efectos sobre o noso organismo pode ser beneficiosa, pero tamén pode ser tóxica e incluso letal se non se teñen en conta as enfermidades preexistentes, outros medicamentos que xa estea tomando e que poderían producir interaccións, ou sen unha dose axustada ás características de cada persoa (idade, sexo, tamaño, etc.).

Unha das cousas que máis nos preocupa aos profesionais da saúde pola súa frecuencia é o abuso dos antibióticos; este feito fomenta a aparición de resistencias bacterianas, cousa que obriga a empezar o tratamento con outro antibiótico.

Hai moitos medicamentos para sandar ou alixeirar diferentes enfermidades e síntomas; porén, centrarémonos nos fármacos que son máis utilizados.


Medicamentos máis comúns

Automedicación

Antibióticos

Un antibiótico é unha substancia química que ten a capacidade de inhibir o crecemento de microorganismos ou eliminalos.

O primeiro antibiótico, a penicilina, foi descuberto por Alexander Fleming no ano 1929. A principios dos anos corenta, durante a II Guerra Mundial, existía a necesidade de tratar as infeccións provocadas por feridas de guerra, e investíronse moitos recursos en investigar e purificar a penicilina. Os antibióticos fixéronse axiña de uso xeneralizado, o cal supuxo un avance terapéutico no tratamento das enfermidades infecciosas.

Os antibióticos actúan sobre infeccións producidas por bacterias, pero non sobre outras como a gripe ou os arrefriados que son producidas por virus; nestes casos son totalmente inactivos. Ademais, cada antibiótico actúa de maneira específica sobre un tipo de bacteria, pero non contra todas; isto é o espectro de acción, que é a capacidade dun antibiótico para destruír unha bacteria concreta. Algúns considéranse de pequeno espectro porque actúan especificamente contra un número determinado de microorganismos; e outros, ao contrario, considéranse de espectro amplo porque actúan contra unha gran variedade de microorganismos.

Actualmente, o uso xeneralizado de antibióticos puxo de manifesto que un mal uso comporta a miúdo unha falta de efectividade e un aumento das resistencias.

Os microorganismos elaboran defensas ante os antibióticos, evolucionan e sofren mutacións; se a esta capacidade que teñen engadimos outras circunstancias, como o uso indiscriminado ou desaxeitado, sen axustarnos ás doses establecidas, nin á duración do tratamento, estamos facilitando que os microorganismos creen resistencias máis rapidamente.

Analxésicos

Os analxésicos son medicamentos que calman e diminúen a intensidade da dor, pero non todos son iguais nin actúan da mesma maneira sobre o organismo. Cada medicamento ten as súas vantaxes e riscos, e cada tipo de dor pode responder mellor a un tipo de analxésico que a outro. Segundo o seu mecanismo de acción, podémolos dividir en dous grandes grupos: analxésicos opiáceos e analxésicos non opiáceos.

Analxésicos opiáceos

Son derivados do opio, poden ser naturais ou sintéticos. No sistema nervioso central hai unhas substancias endóxenas (é dicir, fabrícaas o propio organismo): son as encefalinas e as endorfinas; estas, ao unirse aos receptores das neuronas, inhiben os impulsos dolorosos. Os opiáceos actúan facendo a mesma acción que as encefalinas e as endorfinas pero son moito máis potentes.

Segundo a súa potencia de acción distinguimos:
  • Opiáceos menores (Codeina, Tramadol): utilízanse en dores comúns como é o caso da artrose.
  • Opiáceos maiores (Morfina, Metadona): utilízanse para tratar dor severa, adminístranse baixo supervisión médica.

Os analxésicos opiáceos teñen efectos analxésicos, sedantes e antitusíxenos, pero teñen tamén efectos non desexados como estrinximento, náuseas e vómitos. Outros efectos son somnolencia e mareo, sobre todo en fases iniciais do tratamento; ademais, os opiáceos maiores poden producir depresión respiratoria e en tratamentos longos xeran adicción.

Todos os opiáceos necesitan receita para a ser dispensados pero, ademais, os opiáceos maiores son estupefacientes, o que significa que están regulados polas autoridades sanitarias e precisan, canda a receita convencional, unha receita especial de estupefacientes.

Analxésicos non opiáceos

Cando recibimos un estímulo doloroso o noso organismo pon en marcha un mecanismo de produción de substancias que dan lugar ás prostaglandinas; estas son mediadoras da dor e da inflamación. Os non opiáceos actúan evitando que se produzan as prostaglandinas, inhibindo un enzima da súa cadea. Ben utilizados, estes analxésicos son seguros e eficaces, proporcionan alivio rápido en dores leves ou moderadas. Teñen efectos analxésicos, antiinflamatorios e antipiréticos (diminúen a febre).

Non necesitan receita médica para a súa dispensación, pero non están exentos de riscos.
Os non opiáceos máis comúns son:
Paracetamol

Este principio activo está indicado para o tratamento da dor leve ou moderada, como a cefalea, dores menstruais ou dentais e para a febre; ten pouca actividade antiinflamatoria. Empeza a facer efecto entre os 30 e 60 minutos da inxestión e dura entre 4 e 6 horas. En doses habituais os efectos adversos son raros, pero unha sobredosificación ten efectos tóxicos para o fígado e con menos frecuencia sobre o ril.

Ácido acetilsalicílico (AAS)

Eficaz para combater dores ocasionais leves como dor de cabeza, dores dentais, etc. e para baixar a febre. Os principais efectos son antiinflamatorios, analxésicos, antitérmicos e, en doses baixas, antiagregante plaquetario (axudan a previr a formación de trombos, o que nos protexe contra enfermidades cardiovasculares). Os efectos adversos son xeralmente leves e asócianse a molestias dixestivas; recoméndase tomar o AAS coas comidas para diminuír estes efectos. Está especialmente contraindicado para persoas que sufran úlcera gastrointestinal. Non se recomenda o uso a menores de 16 anos durante procesos víricos debido ao risco da síndrome de Reye (encefalopatía e hepatopatía).

Antiinflamatorios non esteroides (AINE)

Os AINE, como por exemplo, o ibuprofeno, o diclofenaco ou o piroxicam, son un amplo grupo de fármacos que, sen ser exactamente iguais, teñen unha estrutura química similar e uns efectos farmacolóxicos comúns, pero existe unha gran variabilidade na resposta de cada paciente e na incidencia e tipos de efectos adversos. En doses únicas os AINE teñen actividade analxésica comparable co paracetamol, en doses continuadas teñen efectos antiinflamatorios e analxésicos duradeiros, polo que están indicados para dores continuas e regulares, secundarias á inflamación. Teñen tamén efectos antitérmicos. Os efectos adversos máis frecuentes son náuseas, vómitos, diarrea, dor abdominal. O ibuprofeno é o que produce menos efectos adversos. Os AINE dispénsanos nas farmacias sen receita médica.

Psicofármacos

Medicamentos utilizados para tratar trastornos psicóticos, trastornos depresivos, trastornos bipolares, ansiedade e sono, trastornos obsesivo-compulsivos, crise de pánico, etc.

Os psicofármacos actúan de forma diferente segundo se trata de tranquilizantes ou de estimulantes, teñen efectos sobre o sistema nervioso central, e iso fainos especialmente perigosos cando se combinan con alcohol ou outras drogas.

Debido ao ritmo de vida acelerada, problemas emocionais, etc, poden desencadearse procesos importantes de ansiedade, insomnio e estrés, alteracións moi habituais na poboación en xeral. Este grupo de fármacos axudan a mellorar os síntomas negativos que percibe o afectado, pero mal utilizados poden crear adicción e tolerancia, así como outros efectos sobre o fígado ou os riles.

Os antidepresivos úsanse para tratar depresións. Hai que ter en conta que a resposta ao tratamento antidepresivo habitualmente é retardada, podendo pasar un intervalo de entre dúas e seis semanas, como mínimo, para que se produza a máxima mellora.

Os ansiolíticos e os hipnóticos máis utilizados son as benzodiacepinas. O tratamento da ansiedade debe estar limitado á dose mínima efectiva durante o tempo máis curto posible.

Hai que ter en conta que todos estes fármacos provocan dependencia psicolóxica e física, por iso deben retirarse de maneira lenta e progresiva. Ademais, poden alterar a capacidade para conducir e manexar maquinaria; os efectos do alcohol e outras drogas, ou ata os efectos doutros medicamentos, poden potencialos.

É necesaria a receita médica para poder dispensar estes fármacos.

Asociacións farmacolóxicas

As asociacións de fármacos son preparados que conteñen máis dun principio activo, normalmente asócianse dous fármacos que se complementan ou potencian. Son moi útiles sobre todo cando se asocian analxésicos, pero teñen como principal inconveniente que se xorde unha reacción alérxica é máis difícil determinar a que substancia se debe.


Recomendacións

Automedicación
  • Todos os medicamentos van acompañados por un prospecto. Cómpre lelo sempre con atención, xa que nel se detallan tanto as indicacións coma as contraindicacións ou precaucións que é preciso ter en conta en cada caso.
  • Manteña os medicamentos nos seus envases orixinais e co seu prospecto.
  • Revise periodicamente a data de caducidade dos seus medicamentos.
  • Os colirios, unha vez abertos, deben gardarse na neveira e caducan nunha semana.
  • Se toma a forma líquida dalgún medicamento (xaropes), utilice a medida ou dosificador do envase.
  • Mantéñaos fóra do alcance dos nenos.
  • Se está embarazada ou existe a posibilidade de estalo, non tome ningún fármaco sen consultar co médico.
  • Se toma antibióticos:
    • Os antibióticos non baixan a febre nin diminúen a dor, úsanse para tratar enfermidades bacterianas.
    • O médico indicaralle cando necesita o antibiótico, cal e durante canto tempo, xa que cada antibiótico é para unha enfermidade concreta.
    • Consuma o ciclo cumprido de antibiótico receitado polo médico (se o tratamento se abandona antes de tempo, algunhas bacterias poderán reproducirse e facerse resistentes), tómeos a horas regulares e non reduza o número de tomas para evitar que os xermes se multipliquen, aínda que se encontre mellor.
    • Cando acabe o tratamento, se lle sobra medicación, non a garde xa que os antibióticos perden eficacia co tempo, lévea á farmacia para unha correcta destrución.
    • Ás veces, o médico ante unha infección vírica pode prescribir antibiótico cando percibe un risco de sobreinfección bacteriana pola posibilidade de enfermidades subxacentes ou en anciáns.
  • Se toma analxésicos:
    • Cando vaia comprar un fármaco sen receita debe ter en conta os posibles efectos secundarios e contraindicacións. Nunca compre sen receita un medicamento que a requira; obviamente, o farmacéutico tampouco debe dispensarlle sen receita aquilo que a necesita.
    • Cando compre o medicamento por iniciativa propia, é importante que especifique na farmacia posibles condicións especiais, como posibilidade de embarazo, hipertensión arterial, enfermidades cardíacas, enfermidades crónicas como diabetes, hemofilia, etc, xa que estas poden afectar á reacción ou absorción do medicamento.
    • Os analxésicos alixeiran a dor, pero non suprimen a causa; polo tanto, é aconsellable que ante unha dor da que se descoñece a orixe consulte o seu médico.
    • En calquera caso, se a pesar de utilizar un medicamento, a dor persiste, empeora ou aparecen outros síntomas, consulte o seu médico.
    • Vixíe as interaccións que se poden producir entre os medicamentos, xa que poden restar ou potenciar a eficacia; consulte sempre o seu médico ou farmacéutico.
  • Se toma psicofármacos:
    • A prescrición de psicofármacos hai que complementala con terapia psicolóxica, xa que o medicamento mellora os síntomas pero non soluciona a causa do malestar.
    • En moitos casos, os efectos secundarios pódense confundir cos síntomas da propia enfermidade.
    • Teña en conta que os efectos secundarios son diferentes para cada persoa e que non todo o mundo os sofre coa mesma intensidade.
    • Non tome nunca un fármaco destas características sen o asesoramento e seguimento do médico.
    • Non mesture estes medicamentos con alcohol ou outras drogas.
    • Non aumente nunca a dose do fármaco nin suspenda de golpe o tratamento pola súa conta.

A caixa de primeiros auxilios

a caixa de primeiros auxilios

Unha caixa de primeiros auxilios é un pequeno armario, caixa, caixón, etc. que se poida pechar e serve para gardar medicamentos e material para realizar uns primeiros coidados de pequenos accidentes ou para alixeirar algúns síntomas como a febre ou a dor.

A caixa de primeiros auxilios debe estar nun lugar protexido da luz, da calor e da humidade e fóra do alcance dos nenos e nun lugar coñecido por todos os que o poidan necesitar.

Que debe conter?

  • Analxésicos, antitérmicos e antiinflamatorios
  • Medicación habitual prescrita polo médico
  • Algunha pomada para alixeirar o proído das picaduras de insecto
  • Material de coidados:
    • Gasas estériles, algodón, vendas, esparadrapo, apósitos
    • Tesoiras e pinzas
    • Alcohol, auga osixenada
    • Antisépticos a base de solución iodada
    • Teléfono urxencias 112