Prevención de virus invernal nos traballadores

Publicado o: 28/01/2020

Hai unha serie de medidas preventivas que incorporadas á nosa rutina diaria no posto de traballo axudan a frear a propagación dos xermes que causan enfermidades respiratorias, como a gripe.

Como empregados e axentes propagadores do virus podemos adoptar medidas ou hábitos sinxelos que nos permitirán minimizar o contaxio aos compañeiros:

  • A vacinación é a medida máis eficaz para non enfermar. Consulta co teu médico. Cada ano a nivel mundial própónse e deseña a mellor vacina e faise un seguimento da súa efectividade. Non fagas caso dos falsos mitos.
  • Cubrirse a boca e o nariz cun pano desbotable ao tusir ou espirrar. Isto evitará a propagación dos xermes a través das gotitas expulsadas. Depositar inmediatamente os panos usados na papeleira.
  • En ausencia de panos utilizar o interior do cóbado ao tusir e espirrar e evitar así a diseminación de xermes. Nunca usar a man xa que contaminariamos todo o que logo toquemos.
  • Lavarse as mans frecuentemente con auga e xabón, especialmente tras soarse ou utilizar os panos desbotables.
  • Evitar tocarse os ollos, o nariz e a boca. Esta é a maneira como se propagan os xermes, a través das mucosas.
  • E por último, a medida máis eficaz para non diseminar xermes e sandar máis rápido é permanecer na casa.