Real decreto 465/2020

Publicado o: 18/03/2020

Do 17 de marzo, polo que se modifica o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

No Boletín Oficial do Estado do 18 de marzo publicouse o Real decreto-lei 465/2020 mediante o que se modifica o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

Segundo o novo Real decreto-lei 465/2020, ao abeiro da previsión contida na disposición final segunda do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, resulta necesario introducir modificacións orientadas a reforzar a protección da saúde pública e asegurar o funcionamento de servizos públicos esenciais.

As modificacións son:

Artigo único.

Modificación do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. O Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, queda redactado nos seguintes termos:

Un. Modifícanse o primeiro inciso e a letra h) do artigo 7.1, coa redacción seguinte:

«1. Durante a vixencia do estado de alarma as persoas unicamente poderán circular polas vías ou espazos de uso público para a realización das seguintes actividades, que deberán realizarse individualmente, non sendo que se acompañe a persoas con discapacidade, menores, maiores, ou por outra causa xustificada». «h) Calquera outra actividade de análoga natureza.»


Dous. Modifícase o título e o apartado 1 do artigo 10, e introdúcese un novo

«Artigo 10. Medidas de contención no ámbito da actividade comercial, equipamentos culturais, establecementos e actividades recreativas, actividades de hostalaría e restauración, e outras adicionais.». «1. Suspéndese a apertura ao público dos locais e establecementos retallistas, a excepción dos establecementos comerciais retallistas de alimentación, bebidas, produtos e bens de primeira necesidade, establecementos farmacéuticos, sanitarios, centros ou clínicas veterinarias, ópticas e produtos ortopédicos, produtos hixiénicos, prensa e papelaría, combustible para a automoción, estancos, equipos tecnolóxicos e de telecomunicacións, alimentos para animais de compañía, comercio por Internet, telefónico ou correspondencia, tinturarías, lavanderías e o exercicio profesional da actividade de salón de peiteado a domicilio. En calquera caso, suspenderase a actividade de calquera establecemento que, a xuízo da autoridade competente, poida supor un risco de contaxio polas condicións en que se estea desenvolvendo.»

«6. Habilítase o ministro de Sanidade para modificar, ampliar ou restrinxir as medidas, lugares, establecementos e actividades enumeradas nos apartados anteriores, por razóns xustificadas de saúde pública.»


Tres. Modifícase o apartado 4 do artigo 14, que queda redactado como segue:

«4. Por resolución do ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana estableceranse as condicións necesarias para facilitar o transporte de mercadorías en todo o territorio nacional, con obxecto de garantir o abastecemento e a entrega de produtos adquiridos no comercio por Internet, telefónico ou correspondencia.»


Catro. Modifícase o apartado 4 e engádense dous novos apartados 5 e 6 á disposición adicional terceira, coa redacción seguinte:

«4. Sen prexuízo do que se dispón nos apartados anteriores, desde a entrada en vigor do presente real decreto, as entidades do sector público poderán acordar motivadamente a continuación daqueles procedementos administrativos que veñan referidos a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma, ou que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos.»

«5. A suspensión dos termos e a interrupción dos prazos a que se fai referencia no apartado 1 non será de aplicación aos procedementos administrativos nos ámbitos da afiliación, a liquidación e a cotización da Seguridade Social.»

«6. A suspensión dos termos e a interrupción dos prazos administrativos a que se fai referencia no apartado 1 non será de aplicación aos prazos tributarios, suxeitos a normativa especial, nin afectará, en particular, aos prazos para a presentación de declaracións e autoliquidacións tributarias.»


Cinco. Modifícase o título do anexo coa seguinte redacción:

«ANEXO. Relación de equipamentos e actividades cuxa apertura ao público queda suspendida de acordo co que se dispón no artigo 10.»

Descarga o Real decreto 465/2020