Rehabilitación cardíaca

Publicado o: 20/11/2015

A rehabilitación cardíaca é un sistema terapéutico multifactorial que inclúe adestramento físico, educación, consellos sobre cambios de estilo de vida e modificación de condutas (con apoio psicolóxico).

En España, a cardiopatía isquémica é a primeira causa de morte (33%), afecta máis a homes, entre os 40 e 65 anos. No ámbito laboral, a enfermidade cardiovascular é a segunda causa de accidentes de traballo mortais en España. A rehabilitación cardíaca mellora o prognóstico dos doentes coronarios e asóciase a unha diminución da mortalidade por cardiopatía isquémica do 20-30%.

Un programa avanzado para a rápida recuperación dos pacientes coronarios

Quen pode estar incluído neste programa?

Os pacientes con cardiopatías: tras anxioplastia +/- STENT por ángor, post IAM, poscirurxía cardíaca (coronaria-bypass, valvular, transplantados, outras) ou con insuficiencia cardíaca controlada

Como valoramos e controlamos o risco?

Grazas á estratificación do risco, realizamos unha valoración cardiolóxica con SPECT miocárdico esforzo/repouso e unha valoración ósteomuscular, nutricional e psicolóxica, encamiñadas a previr posibles complicacións durante a fase de exercicio.

Un equipo de especialistas multidisciplinar

  • Cardiólogo
    Realiza a estratificación de risco do paciente e lidera o equipo para responder a calquera consulta e incidencia

  • Médico internista
    Coordina todo o proceso e encárgase das charlas de educación sanitaria, control dos factores de risco e valoración biopsicosocial

  • Fisioterapeuta
    Especialista que coordina os exercicios físicos personalizados para cada paciente

  • Médico rehabilitador
    Responsable de deseñar a táboa de exercicios

  • Enfermaría
    Control e educación sanitaria dos pacientes

Fases da rehabilitación cardíaca

A rehabilitación cardíaca consta de tres fases:

FASE I (Aguda)

Correspóndese co ingreso hospitalario. Trata de favorecer a mobilización e deambulación precoz do paciente e de proporcionar, a el e ao seu contorno familiar, apoio psicolóxico e información e educación sobre a evolución da súa enfermidade.

FASE II

Iníciase 4 semanas despois da alta hospitalaria. Tras realizar unha valoración cardiolóxica faise a estratificación de risco e determínase a capacidade de exercicio do paciente. Así mesmo, faise unha valoración psicolóxica e sociolaboral.

FASE III

Esta fase non vixiada abarca toda a vida do paciente, que debe continuar facendo os programas de exercicio da fase II, con apoio do seu médico de atención primaria ou do seu especialista.