Que é a hipoglicemia

Publicado o: 03/05/2019

Lee en contido completo en Infermeravirtual.com

hipoglicemia é o problema de saúde agudo máis frecuente que se presenta nas persoas con diabetes. Hipoglicemia significa baixo nivel de glicosa no sangue. En xeral, dise que hai unha hipoglicemia cando os valores son entre 50-60 mg/dl.


Como maniféstase

A hipoglicemia adoita manifestarse de modo repentino con tremores, irritabilidade, palidez, suor, palpitacións e fame. Os síntomas da hipoglicemia poden variar segundo as persoas, pero sempre son os mesmos en cada unha delas. De feito, son sinais de alarma que envía o cerebro cando non pode captar a glicosa suficiente para funcionar.

A reacción rápida ou inmediata ante os signos de alarma pode evitar a aparición progresiva de complicacións graves. A miúdo, son os que conviven coa persoa con diabetes os que detectan estes signos de alarma. Estas manifestacións son:

  • cambios de comportamento, 
  • dificultade para falar ou para coordinar movementos,
  • perda progresiva da capacidade de resposta, 
  • convulsións e perda absoluta da conciencia (coma hipoglicémico).

    Se o descenso da glicosa é gradual, as manifestacións de hipoglicemia agrávanse progresivamente e a persoa é capaz de resolver a situación. En cambio, se o descenso é brusco, pódese producir unha perda repentina da conciencia e chegar a un coma hipoglicémico en poucos momentos. Por iso é importante que as persoas que forman parte do seu ambiente habitual saiban o que hai que facer nestas situacións ou ben levar consigo unha identificación que poida axudar a actuar rapidamente en caso de emerxencia. 

Causas

  • Que se administrase unha dose excesiva de insulina ou de hipoglicemiantes por un erro na dosificación ou por unha confusión do tipo de insulina (inxectar insulina rápida en lugar de intermedia, por exemplo). 
  • Que non se consumisen as racións de carbohidratos recomendadas para cada comida. 
  • Que se atrasase o horario das comidas en relación ás doses de insulina. 
  • Que se fixese unha actividade física non programada sen aumentar as racións de hidratos de carbono ou sen reducir as doses de insulina ou de fármacos.

Como se resolve

  • Débese deixar a actividade que se estea facendo. 
  • Se é posible, débese determinar o nivel de glicosa no sangue, para certificar que se trata dunha hipoglicemia. 
  • Se leva bomba de infusión continua de insulina, hai que parar a bomba.
  • Hai que tomar 1,5-2 racións de hidratos de carbono de absorción rápida (15-20 g), preferiblemente en forma líquida e sen graxas, xa que a absorción será máis rápida e a hipoglicemia resolverase antes; por exemplo:  
    • un vaso de zume de froita (natural ou envasado) 200 ml
    • un vaso de calquera bebida refrescante que non sexa light ou cero 200 ml 
    • un vaso de leite desnatado 200 ml con 1 sobre de azucre de cafetaría
    • 2 sobres de azucre de cafetaría ou 2 culleradas de azucre ou 3 terróns de azucre
    • 1-2 culleradas sopeiras de mel 
    • 3-4 comprimidos de glicosa pura
  • Se en dez ou quince minutos a situación non mellora, débese repetir a toma anterior. 
  • Cando comece a melloría, debe inxerir alimentos con hidratos de carbono de absorción lenta 1-2 racións (10-20 g), como 20-30 g de pan, dúas ou tres galletas María, dous iogures ou un vaso de leite enteiro sen azucre, sempre que a hipoglicemia se produza entre comidas. Se se produce un pouco antes dunha comida, recoméndase adiantala, comezar pola froita (xa que contén un hidrato de carbono de absorción rápida) e inxerir un alimento que conteña un azucre de absorción lenta (pan, arroz, pasta, pataca ou legumes).
  • Se a hipoglicemia se acentúa, xa sexa por non tomar as medidas comentadas ou ben porque aparece de maneira brusca, e a persoa con diabetes presenta signos de obnubilación, desorientación, perda progresiva do reflexo de deglutición (non pode tragar) ou perda de conciencia, a persoa máis próxima debe actuar para resolver a hipoglicemia:  
    • Se é posible, débese determinar o nivel de glicosa no sangue, para certificar que se trata dunha hipoglicemia.
    • Non debe forzar nunca a inxestión de líquidos pola boca, xa que pode atragoarse e afogar. 
    • Ten que inxectar rapidamente un kit de glucagón de 1 mg (que consta dun vial máis unha xiringa) por vía intramuscular ou subcutánea. As persoas con diabetes, en especial as que se inxectan insulina, deben ter sempre unha ampola de glicagón ao seu alcance, e as persoas que as rodean (na casa, no traballo, na escola…) teñen que saber como administralo. A administración de glicagón é necesaria para as persoas con diabetes que estean inconscientes. Ante a dúbida, hai que actuar como se se tratase dunha hipoglicemia. 
    • Se en dez minutos a persoa non recuperou o coñecemento ou continúa desorientada, pódese repetir a inxección e avisar o servizo de urxencias, xa que seguramente se trata dunha hipoglicemia severa e hai que facer unha valoración médica da persoa. 
    • Unha vez recuperada a conciencia, débese resolver a hipoglicemia con hidratos de carbono de absorción lenta 1-2 racións (10-20 g) que corresponden a: 20-30 g de pan, dúas ou tres galletas María, dous iogures ou un vaso de leite enteiro sen azucre. 

Que é o glicagón?

O glicagón, como a insulina, é unha hormona producida no páncreas. A súa función principal é aumentar os niveis de glicosa no sangue utilizando os depósitos de glicosa que hai no fígado (glicóxeno).

Como se administra:

Pódeo facer calquera persoa, aínda que non sexa profesional da saúde. O glicagón preséntase nun estoxo cunha xiringa precargada e un frasco con po de glicagón. Consérvase na neveira, aínda que pode permanecer fóra, a temperatura ambiente, ata catro semanas.

O modo de administralo é moi sinxelo: hai que introducir a auga da xiringa no frasco do po de glicagón, axitalo suavemente, extraer o seu contido e inxectalo todo. 


A inxección adoita facerse por vía subcutánea (como a insulina), pero tamén se pode facer por vía intramuscular (como as inxeccións habituais) nos brazos, no abdome, nas pernas ou nos glúteos (na zona que, naquel momento, sexa máis accesible). Non hai que ter medo, xa que pode ser administrado por calquera vía sen risco para a persoa. Tampouco hai que vacilar en administrar o glicagón por temor a que a persoa con diabetes non teña unha baixada dos niveis de azucre no sangue senón outra cousa. O glicagón debe administrarse ás persoas con diabetes que estean inconscientes. Ante a dúbida, hai que actuar como se se tratase dunha hipoglicemia. 


Como previr a hipoglicemia

  • Dosificar correctamente a insulina e verificar o tipo antes de administrala. 
  • Cumprir os horarios das comidas. 
  • Procurar que as racións de hidratos de carbono sexan as recomendadas para cada comida. 
  • Modificar as racións de carbohidratos e a insulina en relación coa actividade física. 

Situacións especiais

  • Condución de vehículos. As persoas con diabetes que conducen habitualmente ou que se dedican ao transporte e conducen camións, autobuses ou autocares deben tomar unha serie de precaucións:  
    • Levar sempre azucre e, se é posible, algo de comer. Nunca se sabe a que hora se chegará ao destino e hai que estar preparado para poder improvisar unha comida (con galletas, froita, torradas...). 
    • Comprobar a glicemia antes de comezar a viaxe. 
    • Se a viaxe é longa, é preciso descansar cada dúas ou tres horas e tomar un refrixerio, se for necesario. 
  • Hipoglicemias nocturnas. Se a persoa con diabetes esperta con dor de cabeza ou suor, é posible que sufrise unha hipoglicemia durante a noite. O mellor é determinar os niveis de glicosa antes de deitarse: se a cifra é menor a 140 mg/dl, hai que comer algo. 
  • Hipoglicemias de repetición. Se se sofren hipoglicemias con frecuencia e, sobre todo, se se repiten sempre ás mesmas horas, é importante pórse en contacto co equipo de saúde para que aconselle sobre os cambios necesarios.