Real decreto Lei 10/2020
Do 29 de marzo, polo que se regula un permiso retribuído recuperable para as persoas traballadoras por conta allea que non presten servizos esenciais, co fin de reducir a mobilidade da poboación no contexto da loita contra o COVID-19

Publicado o: 30/03/2020

O obxecto do Real decreto-lei é adoptar unha medida no ámbito laboral que limite ao máximo a mobilidade das persoas a fin de controlar a propagación do COVID-19 e evitar que a acumulación de pacientes nas UCI leve á súa saturación. Para iso se articula un permiso obrigatorio retribuído para as persoas traballadoras de servizos non esenciais. 

No Anexo I enuméranse os sectores de actividade a cuxas persoas traballadoras exclúese do gozo obrigatorio do permiso xustifícanse por estritas razóns de necesidade. 

A continuación, resaltamos os aspectos máis importantes:

Ámbito subxectivo de aplicación

Todas as persoas traballadoras por conta allea que presten servizos en empresas ou entidades do sector público ou privado e cuxa actividade non fose paralizada como consecuencia da declaración de estado de alarma 

Excepcións: 

  1. As persoas traballadoras que presten servizos nos sectores cualificados como esenciais no anexo deste real decreto-lei. 
  2. As persoas traballadoras que presten servizos nas divisións ou nas liñas de produción cuxa actividade se corresponda cos sectores cualificados como esenciais no anexo deste real decreto-lei. 
  3. As persoas traballadoras contratadas por aquelas empresas que solicitasen ou estean aplicando un expediente de regulación temporal de emprego de suspensión e aquelas ás que lles sexa autorizado un expediente de regulación temporal de emprego de suspensión durante a vixencia do permiso previsto este real decreto-lei. 
  4. As persoas traballadoras que se encontran de baixa por incapacidade temporal ou cuxo contrato estea suspendido por outras causas legalmente previstas. 
  5. As persoas traballadoras que poidan seguir desempeñando a súa actividade con normalidade mediante teletraballo ou calquera das modalidades non presenciais de prestación de servizos.

Permiso obrigatorio retribuído recuperable

As persoas traballadoras que se encontren dentro do ámbito de aplicación do e real decreto-lei gozarán dun permiso retribuído recuperable, de carácter obrigatorio, entre o 30 de marzo e o 9 de abril de 2020, ambos os dous incluídos. Conservando o dereito á retribución que lles correspondese se houbesen estando prestando os seus servizos (salario base e complementos).


Recuperación das horas de traballo non prestadas durante o permiso retribuído

  1.  As horas de traballo poderán recuperarse desde o día seguinte á finalización do estado de alarma ata o 31 de decembro de 2020.
  2. Esta recuperación deberá negociarse nun período de consultas aberto para ese fin entre a empresa e a representación legal das persoas traballadoras, que terá unha duración máxima de sete días.
  3. De non acadarse acordo durante este período de consultas, a empresa notificará ás persoas traballadoras e á comisión representativa, no prazo de sete días desde a finalización daquel, a decisión sobre a recuperación das horas de traballo non prestadas durante a aplicación do presente permiso. 
  4. A recuperación destas horas non poderá supor o incumprimento dos períodos mínimos de descanso diario e semanal previstos na lei e no convenio colectivo, nin o establecemento dun prazo de aviso previo inferior a 5 días (art. 34.2 E.T.), nin a superación da xornada máxima anual prevista no convenio colectivo que sexa de aplicación. Respectaranse os dereitos de conciliación da vida persoal, laboral e familiar recoñecido legal e convencionalmente.

Actividade mínima indispensable

As empresas que deban aplicar o permiso retribuído recuperable regulado poderán establecer o número mínimo de cadro de persoal ou as quendas de traballo estritamente imprescindibles co fin de manter a actividade indispensable. Esta actividade e este mínimo de cadro de persoal ou quendas terá como referencia a mantida nun fin de semana ordinario ou en festivos.


Garantías para a continuación da actividade empresarial

Nos casos en que resulte imposible interromper de xeito inmediato a actividade, as persoas traballadoras incluídas no ámbito subxectivo poderán prestar servizos o luns 30 de marzo de 2020 co único propósito de levar a cabo as tarefas imprescindibles para poder facer efectivo o permiso retribuído recuperable sen prexudicar de maneira irremediable ou desproporcionada a continuación da actividade empresarial.


Servizos esenciais na Administración de xustiza

Os xuíces, fiscais, letrados da Administración de Xustiza e demais persoal ao servizo da mesma seguirán atendendo as actuacións procesuais non suspendidas polo Real decreto 463/2020.


Actividades ás que non é de apliación o permiso obrigatorio retribuído recuperable (Anexo I)

  1. As que realicen as actividades que deban continuar desenvolvendose ao abeiro do Real decreto 463/2020, e da normativa aprobada pola Autoridade Competente e as Autoridades Competentes delegadas. 
  2. As que traballan na cadea de abastecemento do mercado e no funcionamento dos servizos dos centros de produción de bens e servizos de primeira necesidade, incluíndo alimentos, bebidas, alimentación animal, produtos hixiénicos, medicamentos, produtos sanitarios ou calquera produto necesario para a protección da saúde, permitindo a distribución dos mesmos desde a orixe ata o destino final. 
  3. As que prestan servizos nas actividades de hostalaría e restauración que prestan servizos de entrega a domicilio. 
  4. As que prestan servizos na cadea de produción e distribución de bens, servizos, tecnoloxía sanitaria, material médico, equipos de protección, equipamento sanitario e hospitalario e calquera outros materiais necesarios para a prestación de servizos sanitarios. 
  5. Aquelas imprescindibles para o mantemento das actividades produtivas da industria manufactureira que ofrecen as subministracións, equipos e materiais necesarios para o correcto desenvolvemento das actividades esenciais. 
  6. As que realizan os servizos de transporte, tanto de persoas coma de mercadorías, que se continúen desenvolvendo desde a declaración do estado de alarma, así como daquelas que deban asegurar o mantemento dos medios empregados para iso. 
  7. As que prestan servizos en Institucións Penitenciarias, de protección civil, salvamento marítimo, salvamento e prevención e extinción de incendios, seguridade das minas, e de tráfico e seguridade viaria. Así mesmo, as que traballan nas empresas de seguridade privada que prestan servizos de transporte de seguridade, de resposta ante alarmas, de rolda ou vixilancia descontinua, e aqueles que resulte preciso utilizar para o desempeño de servizos de seguridade en garantía dos servizos esenciais e o abastecemento á poboación. 
  8. As indispensables que apoian o mantemento do material e equipos das forzas armadas. 
  9. As dos centros, servizos e establecementos sanitarios, así como ás persoas que atendan maiores, menores, persoas dependentes ou persoas con discapacidade, e as persoas que traballen en empresas, centros de I+D+I e biotecnolóxicos vinculados ao COVID-19, os animalarios a eles asociados, o mantemento dos servizos mínimos das instalacións a eles asociados e as empresas subministradoras de produtos necesarios para a devandita investigación, e as persoas que traballan en servizos funerarios e outros actividades conexas. 
  10. As dos centros, servizos e establecementos de atención sanitaria a animais. 
  11. As que prestan servizos en puntos de venda de prensa e en medios de comunicación ou axencias de noticias de titularidade pública e privada, así como na súa impresión ou distribución. 
  12. As de empresas de servizos financeiros, incluídos os bancarios, de seguros e de investimento, para a prestación dos servizos que sexan indispensables, e as actividades propias das infraestruturas de pagamentos e dos mercados financeiros. 
  13. As de empresas de telecomunicacións e audiovisuais e de servizos informáticos esenciais, así como aquelas redes e instalacións que os soportan e os sectores ou subsectores necesarios para o seu correcto funcionamento, especialmente aqueles que resulten imprescindibles para a axeitada prestación dos servizos públicos, así como o funcionamento do traballo non presencial dos empregados públicos. 
  14. As que prestan servizos relacionados coa protección e atención de vítimas de violencia de xénero. 
  15. As que traballan como avogados, procuradores, graduados sociais, tradutores, intérpretes e psicólogos e que asistan ás actuacións procesuais non suspendidas polo Real decreto 463/2020, e desta maneira, cumpran cos servizos esenciais fixados consensuadamente polo Ministerio de Xustiza, Consello Xeral do Poder Xudicial, a Fiscalía Xeral do Estado e as Comunidades Autónomas con competencias na materia (Resolución do secretario de Estado de Xustiza de data 14 de marzo de 2020). 
  16. As que prestan servizos en despachos e asesorías legais, xestorías administrativas e de graduados sociais, e servizos alleos e propios de prevención de riscos laborais, en cuestións urxentes. 
  17. As que prestan servizos nas notarías e rexistros para o cumprimento dos servizos esenciais fixados pola Dirección Xeral de Seguridade Xurídica e Fe Pública. 
  18. As que presten servizos de limpeza, mantemento, reparación de avarías urxentes e vixilancia, así como que presten servizos en materia de recollida, xestión e tratamento de residuos perigosos, así como de residuos sólidos urbanos, perigosos e non perigosos, recollida e tratamento de augas residuais, actividades de descontaminación e outros servizos de xestión de residuos e transporte e retirada de subprodutos ou en calquera das entidades pertencentes ao Sector Público (art. 3 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de Contratos do Sector Público) 
  19. As que traballen nos Centros de Acollida a Refuxiados e nos Centros de Estancia Temporal de Inmigrantes e ás entidades públicas de xestión privada subvencionadas pola Secretaría de Estado de Migracións e que operan no marco da Protección Internacional e da Atención Humanitaria. 
  20. As que traballan en actividades de abastecemento, depuración, condución, potabilización e saneamento de auga. 
  21. As que sexan indispensables para a provisión de servizos meteorolóxicos de predición e observación e os procesos asociados de mantemento, vixilancia e control de procesos operativos. 
  22. As do operador designado polo Estado para prestar o servizo postal universal, co fin de prestar os servizos de recollida, admisión, transporte, clasificación, distribución e entrega aos exclusivos efectos de garantir o devandito servizo postal universal. 
  23. As que prestan servizos naqueles sectores ou subsectores que participan na importación e subministración de material sanitario, como as empresas de loxística, transporte, almacenaxe, tránsito aduaneiro (transitarios) e, en xeral, todas aquelas que participan nos corredores sanitarios.
  24. As que traballan na distribución e entrega de produtos adquiridos no comercio por Internet, telefónico ou correspondencia.
  25. Calquera outras que presten servizos que fosen considerados esenciais.

Entrada en Vigor: 29 de marzo de 2020


ORDE SND/307/2020, 30 de marzo, pola que se establecen os criterios interpretativos para a aplicación do Real decreto-lei 10/2020, do 29 de marzo, e o modelo de declaración responsable para facilitar os traxectos necesarios entre o lugar de residencia e de traballo.

A Orde ten por obxecto especificar actividades excluídas do ámbito de aplicación do Real decreto-lei 10/2020, así como facilitar un modelo de declaración responsable en que se indique que a persoa traballadora portadora do mesmo pode continuar realizando desprazamentos ao seu lugar de traballo ou de desenvolvemento da súa actividade de representación sindical ou empresarial. 

  1. Traballadores por conta propia: o Real decreto 463/2020, só afecto aos autónomos que prestan os seus servizos en actividades suspendidas pola declaración do estado de alarma. O Real decreto-lei 10/2020, non lles é de aplicación.
  2. Actividades de representación sindical e patronal: non están afectadas polas restricións de mobilidade contidas no Real decreto 463/2020 e no Real decreto-lei 10/2020, co fin garantir a asistencia e asesoramento a persoas traballadoras e empregadoras.
  3. Declaración responsable: as persoas traballadoras por conta allea que non deban acollerse ao permiso retribuído recuperable establecido no Real decreto-lei 10/2020 e aqueloutras dedicadas á actividade de representación sindical ou empresarial terán dereito a que a empresa ou entidade empregadora expídalles unha declaración responsable recoñecendo tal circunstancia, de acordo co modelo recollido no Anexo desta Orde. 

Vigor: 30 de marzo de 2020 resultará de aplicación durante a vixencia do permiso retribuído recuperable regulado no Real decreto-lei 10/2020.