Semana Europea contra o Cancro – maio 2026

O cancro segue a afectar a miles de persoas en toda Europa cada ano. Causou a morte duns 1,3 millóns de persoas só en 2022 e converteuse na principal causa de morte entre os menores de 65 anos en Europa.
No ámbito laboral, cada ano prodúcense na UE 120.000 casos de cancro relacionado co traballo, e como resultado da exposición a carcinóxenos como a sílice, as madeiras duras, os fumes diésel ou o amianto, falecen 80.000 persoas ao ano.
Unha semana para a acción

A Semana Europea contra o Cancro (EWAC), celebrada cada ano entre o 25 e 31 de maio, é unha iniciativa liderada pola Asociación de Ligas Europeas contra o Cancro (ECL), unha efeméride que nesta edición, baixo o lema “Xuntos contra as desigualdades no cancro” pretende concienciar e sensibilizar sobre a importancia de acabar coas desigualdades no acceso á prevención, a detección precoz, o tratamento e a atención para todas as persoas.
O cancro causa 1 de cada 4 mortes na Unión Europea. Pero a boa nova é que o 40% dos casos de cancro en Europa pódense previr. O día 25 de maio está dedicado á prevención primaria.
Código Europeo contra o Cancro
E se a prevención do cancro puidese comezar con cambios sinxelos e cotiáns e accións políticas intelixentes?
Este ano estréase a 5ª edición do Código Europeo contra o Cancro (ECAC5), que recolle 14 maneiras de previr o cancro, dirixido ás persoas e aos responsables políticos. A presente edición da semana europea quere axudar a difundir este ECAC5.
