Lexislación sobre canceríxenos

Publicado o: 01/02/2017
¨¨

A Directiva 2004/37/CE, na nosa lexislación Real decreto 665/1997, sobre canceríxeno e mutáxeno data de hai máis de 20 anos. Actualmente está sendo obxecto dunha profunda modificación, seguindo a política europea de prevención fronte á exposición a canceríxenos.


Primeira modificación

A primeira modificación Directiva (UE) 2017/2398 publicouse o 27 de decembro de 2017 e foi trasposta á nosa lexislación polo Real decreto 1154/2020 publicado o 23 de decembro de 2020. Os principais cambios son:

  • Ampla a vixilancia da saúde das persoas traballadoras despois de cesar a exposición laboral.
  • Inclúe os traballos que supoñan exposición ao po respirable de sílice libre cristalina no seu anexo I.
  • Establece límites de exposición para 11 substancias canceríxenas máis.
  • Modifica o valor límite do cloruro de vinilo monómero e do po de madeiras duras; este último queda reducido a 2 mg/m3 e de forma transitoria a 3 mg/m3 ata o 2023.

Segunda modificación

A segunda modificación Directiva (UE) 2019/130 publicouse o 31 de xaneiro de 2019 e foi trasposta polo Real decreto 427/2021 o 15 de xuño de 2021. Os principais aspectos que achega esta modificación son:

  • Traballos que supoñan exposición cutánea a aceites minerais previamente utilizados en motores de combustión interna para lubrificar e refrixerar os elementos móbiles do motor e Traballos que supoñan exposición a emisións de motores diésel.
  • Engádense seis axentes máis ao Anexo III: Tricloroetileno, 4,4´Metilendianilina, Epiclorhidrina, Dibromuro de etileno, Dicloruro de etileno e Emisións de motores diésel.

Terceira modificación

A terceira modificación Directiva (UE) 2019/983 publicouse o 20 de xuño de 2019 e foi incorporada na nosa lexislación polo Real decreto 395/2022 publicada o 25 de maio de 2022.

Esta modificación:

  • Engade  cinco axentes máis ao Anexo III: cadmio, berilio, ácido arsénico, 4,4´metilenbis (MOCA) e formaldehído, establecendo valores límites coincidentes cos VLA do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST). Unicamente, o cadmio ve reducido seu VL á metade e dispón como medida transitoria a súa entrada en vigor no ano 2027.

Cuarta modificación

A cuarta modificación Directiva (UE) 2022/431 publicouse o 16 de marzo de 2022 e debe trasporse á nosa lexislación antes do 5 de abril de 2024. Os cambios máis salientables desta nova modificación son:

  • Amplía o seu campo de actuación aos axentes reprotóxicos pasando a denominarse “Directiva 2004/37/CE do Parlamento e do Consello, do 29 de abril de 2004, relativa á protección dos traballadores contra os riscos relacionados coa exposición durante o traballo a axentes carcinóxenos, mutáxenos ou reprotóxicos”.
  • Establece as medidas que hai que adoptar para minimizar a exposición aos tóxicos para a reprodución en función de se dispón ou non de limiar de nivel de exposición segura.
  • Engade catorce axentes máis ao Anexo III: acrilonitrilo e compostos de níquel, por ser canceríxenos e doce axentes reprotóxicos, entre eles chumbo, nitrobenceno, monóxido de carbono.
  • Esta directiva dispón dunha declaración pola que se inclúe no seu ámbito de aplicación aos medicamentos perigosos que conteñan na súa composición axentes CMR (canceríxenos, mutáxenos e reprotóxicos) categorías 1A ou 1B, entre eles os citotóxicos.

Quinta modificación

A quinta modificación Directiva 2024/869 publicouse o 19 de marzo de 2024 e debe trasporse á nosa lexislación antes do 8 de abril de 2026. A principal modificación é a redución dos niveis permitidos de chumbo ambiental e biolóxico á quinta parte: 

  • O Valor límite ambiental pasa de 0,15 mg/m3 a 0,03mg/m3.
  • O valor límite biolóxico de 70 μg/100ml a 15 μg/100ml, cun período de transición de 30 μg/100ml ata 2028. 

Esta directiva tamén modifica a Directiva 98/24/CE sobre Axentes químicos establecendo valores límites para os diiosocianatos, compostos de amplos usos que están clasificados como axentes sensibilizantes dérmicos e respiratorios.