Realidade Virtual, nova experiencia de sensibilización en PRL
Experimentar
A prevención que se experimenta
A realidade virtual permite experimentar situacións de risco laboral en medios inmersivos cun alto grao de realismo, sen expor ás persoas participantes a ningún perigo.
Grazas a esta tecnoloxía, a sensibilización preventiva deixa de limitarse á transmisión de coñecementos para converterse nunha experiencia directa que involucra a persoa, esperta a súa atención e mellora a comprensión dos riscos presentes no medio de traballo.
Vivir unha situación, tomar decisións e observar as súas consecuencias favorece unha reflexión máis profunda e contribúe á adopción de comportamentos seguros.
Comprender
Moito máis que unha simulación
A realidade virtual transforma a prevención nunha experiencia activa que permite observar, analizar e aprender de forma práctica.

A través das diferentes simulacións, as persoas participantes poden:
- Vivir os riscos en primeira persoa.
- Aprender dos erros sen exporse ao perigo.
- Adestrar a toma de decisións.
- Favorecer a detección e a análise de riscos.
- Mellorar a participación e a implicación.
- Potenciar a aprendizaxe compartida.
- Reforzar o recordo das mensaxes preventivas.
Cada experiencia convértese nunha oportunidade para comprender mellor os riscos, as causas que os orixinan e as medidas necesarias para previros.
Compartir
Da experiencia inmersiva á reflexión compartida
As actividades combinan a inmersión en realidade virtual coa observación, a análise e o debate en grupo.
Mentres algunhas persoas experimentan directamente a simulación, o resto das participantes observa as decisións adoptadas e as súas consecuencias. Deste xeito, cada experiencia individual convértese nunha oportunidade de aprendizaxe colectiva, intercambio de puntos de vista e reflexión sobre a seguridade no traballo
Unha ferramenta flexible
A realidade virtual é unha ferramenta versátil que pode incorporarse diferentes iniciativas de sensibilización.
Periodicamente organizamos sesións interempresariais nas nosas instalacións. Para favorecer a participación activa e maximizar o valor da experiencia, as sesións desenvólvense en grupos reducidos, habitualmente de entre 15 e 20 persoas. Este formato facilita a observación, o intercambio de puntos de vista, o debate e a reflexión compartida, servindo de punto de encontro entre empresas con inquietudes similares.
No ámbito dunha empresa, a súa utilización pode orientarse a finalidades diversas, desde a mellora da percepción do risco e o reforzo de condutas seguras ata o impulso da participación, a comunicación preventiva ou o fortalecemento da cultura de seguridade. As actividades deséñanse atendendo ás características de cada organización, o seu nivel de madurez preventiva e os riscos, situacións ou aspectos de xestión que desexe traballar.
Exemplo dalgunhas das nosas xornadas:
Mandos e seguridade laboral: simulando unha realidade
Orientada a persoas responsables de equipo, co obxectivo de reforzar o seu papel na integración da prevención na empresa.
As persoas participantes enfróntanse a situacións de risco, analizan alternativas de actuación e valoran o impacto das súas decisións, reforzando competencias relacionadas co liderado preventivo, a comunicación e a conciencia do risco.
Vive a emerxencia, controla a resposta
Orientada a persoas con funcións ou responsabilidades en materia de prevención na empresa.
As persoas participantes experimentarán a importancia do comportamento humano fronte a unha situación de emerxencia e como a implantación e o adestramento das medidas de actuación é a base para unha resposta eficaz e segura.
