Como identificar e avaliar a exposición aos CEM

Publicado o: 25/02/2019

O Real decreto 299/2016, do 22 de xullo, sobre protección da saúde e a seguridade dos traballadores contra os riscos relacionados coa exposición a campos electromagnéticos, establece que se debe determinar que equipos xeran CEM e se se require realizar unha avaliación específica do CEM no lugar de traballo, para coñecer o seu nivel de riscos.

Cando o equipo emisor do CEM estea destinado a utilizarse pola poboación xeral, debe cumprir coa Recomendación 1999/519/CE relativa á exposición do público en xeral ao CEM, incorporada á nosa lexislación no Real decreto 1066/2001. Esta normativa limita a intensidade dos campos para que a exposición aos mesmos non cause efectos adversos na poboación, sendo estes índices para o público en xeral máis estritos que para os traballadores. Por este motivo, nos lugares de traballo con equipos e instalacións que cumpran coa devandita normativa, non cumprirá realizar unha avaliación específica do CEM.

Noutros lugares de traballo en que non sexa así, pode existir un risco de exposición ao CEM onde si cumprirá realizar unha avaliación específica ao CEM.

Existen diferentes aplicacións que axudan o empresario a discernir cando é necesaria e cando non unha avaliación específica. Ofrecemos a ligazón á aplicación do INSST Campos electromagnéticos (CEM) e ás aplicacións do INRS (Francia): Oseray e a Calculadora VAI/VLE do CEM :

  • Campos electromagnéticos (CEM): INSST
    A aplicación baséase na información incluída na Guía Técnica para a avaliación e prevención dos riscos derivados da exposición ao CEM nos lugares de traballo.

  • Oseray: INRS (Francia)
    Indica se existe o risco de exceder os valores límite de exposición aplicable segundo as categorías de traballadores. Polo tanto, permite definir cales son as fontes que requiren unha posible avaliación en profundidade.

  • A calculadora VAI/VLE: INRS (Francia)
    Orienta sobre os límites de acción para determinar de maneira moi simple os valores que desencadean a acción (VAI) e os valores límite de exposición (VLE) que non se deben exceder en caso de exposición a radiación electromagnética de monofrecuencia para frecuencias entre 0 e 300 GHZ.