Novo Artigo
Artigo 12. Prestación extraordinaria de cesamento de actividade para os traballadores autónomos de tempada.
O prazo para a solicitude desta prestación finalizou. O formulario en liña utilizarase só para realizar emendas.
1. Para os efectos deste precepto, considéranse traballadores de tempada os traballadores autónomos cuxo único traballo ao longo dos anos 2018 e 2019 se desenvolvese no Réxime Especial de Traballadores Autónomos ou no Réxime Especial dos Traballadores do Mar durante un mínimo de catro meses e un máximo de sete meses en cada un dos anos referidos. Considerarase que o traballador autónomo desenvolveu un único traballo en 2018 e 2019 sempre que, no caso de que estivese de alta nun réxime da Seguridade Social como traballador por conta allea, esa alta non supere os cento vinte días ao longo deses anos.
2. Serán requisitos para causar dereito á prestación:
a) Que se estivese de alta e se cotizase no Réxime Especial de Traballadores Autónomos ou no Réxime Especial dos Traballadores do Mar como traballador por conta propia durante un mínimo de catro meses e un máximo de sete meses de cada un dos anos 2018 e 2019, sempre que ese marco temporal abarque un mínimo de dous meses entre os meses de outubro a decembro deses anos.
b) Que non se estivese en alta ou asimilado á alta como traballador por conta allea no réxime de Seguridade Social correspondente máis de sesenta días durante o terceiro e cuarto trimestre do ano 2021.
c) Non obter durante o terceiro e cuarto trimestre do ano 2021 uns ingresos netos computables fiscalmente que superen os 6.725 euros.
d) Acharse ao corrente no pagamento das cotas á Seguridade Social. Non obstante, se non se cumprise este requisito, o órgano xestor convidará ao pagamento ao traballador autónomo para que no prazo improrrogable de trinta días naturais ingrese as cotas debidas. A regularización do descuberto producirá plenos efectos para a adquisición do dereito á protección.
3. A contía da prestación regulada neste artigo será o equivalente ao 70 por 100 da base mínima de cotización que corresponda pola actividade desempeñada no Réxime Especial da Seguridade Social dos Traballadores por Conta Propia ou Autónomos ou, se é o caso, no Réxime Especial da Seguridade Social dos Traballadores do Mar.
4. A prestación extraordinaria por cesamento de actividade regulada neste artigo poderá comezar a devindicarse con efectos do 1 de outubro de 2021 e terá unha duración máxima de cinco meses, sempre que a solicitude se presente dentro dos primeiros vinte e un días naturais de outubro. En caso contrario, os efectos quedarán fixados ao día primeiro do mes seguinte da presentación da solicitude e a súa duración non poderá exceder do 28 de febreiro de 2022.
5. Durante a percepción da prestación non existirá obriga de cotizar, permanecendo o traballador en situación de alta ou asimilada á alta no réxime de Seguridade Social correspondente.
6. As cotizacións polas que non exista obriga de cotizar serán asumidas polas entidades con cargo a cuxos orzamentos se cubra a correspondente prestación.
7. Esta prestación será incompatible co traballo por conta allea e con calquera prestación de Seguridade Social que o beneficiario viñese percibindo non sendo que fóra compatible co desempeño da actividade como traballador por conta propia. Igualmente, será incompatible co traballo por conta propia e coa percepción de rendementos procedentes da sociedade cuxa actividade estivese afectada polo peche, cando os ingresos que se perciban no terceiro e cuarto trimestre do ano 2021 superen os 6.725 euros. Polo que se refire aos traballadores por conta propia incluídos no Réxime Especial dos Traballadores do Mar, a prestación por cesamento de actividade será, así mesmo, incompatible coa percepción das axudas por paralización da frota.
8. Os socios traballadores das cooperativas de traballo asociado que optasen polo seu encadramento como traballadores por conta propia no réxime especial que corresponda terán dereito, nas mesmas condicións, a esta prestación extraordinaria, sempre que reúnan os requisitos establecidos neste artigo.
9. A xestión desta prestación corresponderá ás mutuas colaboradoras coa Seguridade Social ou ao Instituto Social da Mariña. Para poder admitir a trámite a solicitude autorizarase á Administración da Seguridade Social e ás mutuas colaboradoras encargadas da xestión da prestación para conseguir da administración tributaria correspondente os datos tributarios necesarios para a revisión dos requisitos de acceso á prestación.
10. O recoñecemento da prestación regulada neste artigo poderá solicitarse en calquera momento durante o período comprendido entre a entrada en vigor da norma e o mes de xaneiro de 2022. Os efectos da solicitude son os determinados no apartado 4. As entidades xestoras, de acordo coa solicitude presentada e os documentos se é o caso achegados, ditará a resolución provisional que sexa procedente, estimando ou desestimando o dereito.
11. A partir do 1 de maio de 2022 procederase a revisar todas as resolucións provisionais adoptadas.
12. O traballador autónomo de tempada que solicitase o pagamento da prestación regulada neste artigo poderá:
a) Renunciar a ela en calquera momento antes do 31 de xaneiro de 2022, provendo efectos a renuncia no mes seguinte á súa comunicación.
b) Devolver por iniciativa propia a prestación por cesamento de actividade, sen necesidade de esperar á reclamación da mutua colaboradora coa Seguridade Social ou da entidade xestora, cando considere que os ingresos que pode percibir polo exercicio da actividade durante o tempo que pode causar dereito a ela superarán os limiares establecidos no apartado 2.c) coa correspondente perda do dereito á prestación.
Formulario en liña emenda