Novo Artigo
Artigo 8. Exención na cotización a favor dos traballadores autónomos que percibisen algunha modalidade de prestación por cesamento de actividade ao abeiro do disposto no Real decreto-lei 11/2021, do 27 de maio, sobre medidas urxentes para a defensa do emprego, a reactivación económica e a protección dos traballadores autónomos.
A partir do 1 de outubro de 2021, os traballadores autónomos incluídos no Réxime Especial da Seguridade Social dos Traballadores por Conta Propia ou Autónomos, ou no Réxime Especial da Seguridade Social dos Traballadores do Mar, que estivesen de alta nestes réximes e viñesen percibindo o 30 de setembro algunha das prestacións por cesamento de actividade previstas nos artigos 7 e 8 do Real decreto-lei 11/2021, do 27 de maio, terán dereito a unha exención das súas cotizacións á Seguridade Social e formación profesional coas seguintes contías:
- 90 por 100 das cotizacións correspondentes ao mes de outubro.
- 75 por 100 das cotizacións correspondentes ao mes de novembro.
- 50 por 100 das cotizacións correspondentes ao mes de decembro.
- 25 por 100 das cotizacións correspondentes ao mes de xaneiro de 2022.
Para que sexan aplicables estes beneficios na cotización, os traballadores autónomos deberán manter a alta no correspondente réxime especial da Seguridade Social ata o 31 de xaneiro de 2022.
A base de cotización, para os efectos da determinación da exención, será a base de cotización pola que cotizaba o traballador autónomo antes de acceder á prestación por cesamento de actividade.
A percepción da prestación por cesamento de actividade en calquera das súas modalidades será incompatible coa exención na cotización establecida neste precepto.
A obtención das exencións contempladas neste precepto que resulten indebidas como consecuencia da perda do dereito ás prestacións de cesamento de actividade contemplada nos artigos 7 e 8 do Real decreto-lei 11/2021, do 27 de maio, dará lugar á revisión de oficio por parte da entidade ou organismo competente.
O disposto neste precepto será de aplicación aos traballadores autónomos que esgoten as prestacións ás que se refire o artigo 9 deste real decreto-lei, a partir da finalización das exencións ás que se refire o apartado 4 deste artigo e ata o 31 de xaneiro de 2022.