Causas dos trastornos músculo-esqueléticos
As causas
A maioría dos trastornos músculo-esqueléticos non están asociados a unha causa única, senón que se deben a unha combinación de varios factores que inclúen as características propias de cada persoa, factores laborais e factores extras laborais.
- Factores persoais: a constitución física, o estado xeral de saúde, a idade, o sexo ou a xenética.
- Factores laborais: a organización do traballo, a repetición de tarefas, os esforzos excesivos, a manipulación manual de cargas, as posturas desaxeitadas e a falta de tempo de recuperación dos grupos musculares implicados.
- Factores extralaborais: levar unha vida sedentaria ou a práctica intensiva de deportes en que se utiliza intensamente unha determinada zona corporal.
Os custos
Os trastornos músculo-esqueléticos de orixe laboral son fonte de dor e sufrimento para os afectados, tanto na súa vida laboral como persoal. Non só polo sufrimento físico senón tamén por unha posible diminución de ingresos debido ás baixas laborais, polo gasto en fármacos, tratamentos, polo tempo investido en consultas médicas, pola rehabilitación, etc.
Aínda que non se dispón de cifras concretas, o custo económico estimado pola Axencia Europea para a Seguridade e a Saúde dos problemas de saúde relacionada co traballo debido a trastornos músculo-esqueléticos oscila entre o 0,5% e o 2% do produto interior bruto (PIB). Aplicando esta estimación ao PIB de España suporía un custo anual de aproximadamente 13.000 millóns de euros.
Entre os custos que poden chegar a xerar ás empresas cómpre destacar as perdas de produción, perdas de persoal experimentado, custos de contratación e formación de persoal novo, consecuencias do malestar ou a mala saúde na calidade do traballo e outros gastos derivados da xestión da substitución da persoa traballadora lesionada.
O elevado custo económico e social derivado dos trastornos músculo-esqueléticos pon de manifesto a necesidade de tomar medidas que axuden á prevención deste tipo de lesións.