‘Wearables’, tecnoloxía ao servizo da saúde persoal
Non descubrimos nada ao afirmar que a tecnoloxía foi historicamente unha aliada imprescindible no coidado da saúde. No entanto, a revolución dixital dos últimos anos permitiu dar un paso adiante moi significativo nesta achega: a relación entre tecnoloxía e saúde xa non se limita aos equipamentos de centros sanitarios, senón que saltou á vida cotiá de calquera cidadán mediante dispositivos que axudan ao coidado da saúde e a prevención de enfermidades.
Son os denominados “wearables”: aparellos – xeralmente, electrónicos–, que se incorporan a algunha parte do corpo e interactúan con el para monitorizar actividades ou axudar a realizar algunha tarefa específica. Os wearables intégranse en obxectos de uso cotián (lentes, pulseiras, reloxos, pezas de roupa, etc.) para axudar ao control e a exploración da saúde, ou ao seguimento e tratamento de determinadas patoloxías.
Pola súa facilidade de uso e a súa utilidade, os reloxos intelixentes e as pulseiras de actividade son os wearables máis populares. Axudan a medir a frecuencia cardíaca, os pasos realizados durante o día, as calorías consumidas, os niveis de glicosa e incluso as horas de sono, entre outros indicadores. Ademais, existen dispositivos que axudan ao control de enfermidades como a epilepsia, ao detectar as convulsións inminentes e enviar automaticamente alertas a outras persoas cando se requira axuda.
Os lentes intelixentes ofrecen, polo xeral, funcionalidades máis específicas. Por exemplo, utilízanse no ámbito sanitario na simulación de operacións mediante realidade virtual ou en ensaios de técnicas complexas. Outra aplicación práctica é para persoas invidentes ou con baixa visión: empregando algoritmos e intelixencia artificial, os lentes son capaces de “ler” textos ou de definir en audio rostros de persoas, billetes en curso e outros elementos visuais, que transmiten a través dun pequeno altofalante axustado sobre o oído ou mediante sistemas Bluetooth.
Cómpre destacar tamén a roupa intelixente, en forma de pezas de roupa e sensores que rexistran variables biofísicas como o movemento ou a actividade muscular. Nesta categoría enmarcaríase tamén a “robótica wearable” (robots biónicos, exoesqueletos ou exosuits), dispositivos cos que “vístese” ao usuario para axudarlle a desenvolver ou amplificar as súas capacidades físicas no ámbito laboral, previndo esforzos excesivos ou evitando posturas forzadas. Mutua Universal dispón de ampla experiencia neste ámbito, como se recolle na publicación “Ergonomía 4.0 e Exoesqueletos: mitos, lendas e certezas”.
Na realización das tarefas de noso día a día, a tecnoloxía wearable tamén pode contribuír á corrección de posturas, xa sexan dinámicas ou estáticas, polo que resulta moi recomendable en traballos en que se empregan pantallas de forma frecuente. Neste caso, pode recorrerse a pequenos dispositivos que se colocan no cabeza ou no lombo e que rexistran todas as posturas. No momento en que a posición pasa de correcta a incorrecta, o dispositivo avisa o usuario para que a corrixa.
Aínda que o futuro resulta sempre impredecible, todo apunta a que os wearables seguirán integrandose na nosa vida cotiá para axudarnos a coidar da nosa saúde e previr potenciais patoloxías.
Fonte: Mutua Universal, ConSalud, Health Tech Spain
