Os seis riscos psicosociais máis comúns no posto de traballo

Anteriormente falabámosvos sobre os factores psicosociais: que son e os beneficios que achega a súa boa xestión. Porén, tamén é importante para profesionais e empresa, coñecer o concepto “riscos psicosociais” e o que implica. De feito, desde fai un tempo as empresas están obrigadas a avaliar estes riscos psicosociais e incluso poden ser sancionadas por Inspección de Traballo se non o fan.
O Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST), considera que os riscos psicosociais poden aparecer cando as condicións de traballo son malas, deficientes e / ou adversas, ben por un deseño desaxeitado ou ben por un desenvolvemento ou implantación na organización, interaccionan coas expectativas, necesidades, capacidades e / ou actitudes dos traballadores, impactan negativamente sobre a súa seguridade, saúde e benestar, convertendose entón nunha fonte de risco que é preciso xestionar.
Algúns dos riscos psicosociais máis comúns son os seguintes:
- O estrés. É o máis global e unha das principais consecuencias da exposición a riscos psicosociais. Segundo datos do Eurostat, o estrés é o segundo problema de saúde máis frecuente entre as persoas traballadoras, só por detrás dos trastornos músculo-esqueléticos.
- A violencia laboral. O INSST define este risco: “cando o persoal dun centro de traballo sofre abusos, ameazas ou ataques en circunstancias relacionadas coa súa actividade laboral, que poñan en perigo, implícita ou explicitamente, a súa seguridade, o seu benestar ou a súa saúde.”.
- O acoso laboral. Trátase da exposición reiterada e prolongada no tempo a condutas de violencia psicolóxica, cara a unha ou máis persoas por parte doutras que actúan así desde unha posición de poder, segundo o Ministerio de Emprego e Seguridade Social do Goberno de España.
- O acoso sexual. Existen dous tipos, definidos polo INNST, o acoso quid pro quo-chantaxe sexual-, e o acoso que crea un ambiente de traballo hostil.
- A inseguridade contractual. Derivada da inestabilidade laboral, a pobre remuneración, escasa valoración social do traballo, inexistencia ou inadecuación de formación.
- O conflito familia-traballo. Enténdese como o conflito en que as esixencias dun dos roles (familia ou traballo) dificultan o desenvolvemento do outro rol.
Ademais dos inconvenientes que de por si xeran estes, ademais, entre as súas características están, que se estenden no tempo e no espazo, que son difíciles de cuantificar e que, en moitas ocasións, uns riscos levan a outros, como, por exemplo, a inseguridade contractual pode levar ao estrés laboral.
É por iso que é de gran importancia avaliar e intervir para reducir, controlar ou eliminar estes riscos psicosociais no caso de que se detecten na empresa.