Hipertensión arterial

Publicado o: 12/12/2014

Introdución

Hipertensión arterial

Algunha vez puidemos escoitar algún paciente que ao saír da consulta do médico comenta:

“Teño a presión polas nubes!”

Aproveitando esta expresión coloquial lanzamos o noso lema:

“Estás nas nubes?” para iniciar un programa de promoción da saúde sobre o control da presión arterial, dirixido a todos os traballadores da empresa e coordinado polo Servizo de Medicina do Traballo de Mutua Universal.


Definición e valores límite

A presión arterial (PA) é a forza coa que circula o sangue a través das arterias do corpo, canto máis alta sexa esta forza máis se resenten as arterias e se deterioran.

Das dúas cifras que se dan nunha medida de PA, por exemplo 160/90, a primeira e máis alta corresponde á presión arterial sistólica (PAS) e indica o nivel de presión que opoñen as arterias cando o corazón se contrae e bombea o sangue. A segunda cifra, presión arterial diastólica (PAD), indica o grao de presión que ofrecen as arterias cando o corazón se relaxa. Segundo as referencias da Organización Mundial da Saúde, por riba de 140 e 90 de forma mantida considérase hipertensión, calquera tipo de hipertensión é un factor de risco cardiovascular.

Os principais factores de risco cardiovascular son: o consumo de tabaco, a hipertensión arterial (HTA), o aumento de colesterol total en sangue, a diabete, a obesidade, o sedentarismo, etc.

Os factores de risco cardiovascular son modificables, aplicando medidas terapéuticas, e como consecuencia disto pódese diminuír o risco de enfermidade.

O gran problema da HTA radica no seu propio carácter: é un proceso crónico e silente que pode ser asintomático ou só producir síntomas mínimos moitos anos despois do seu comezo, é por este motivo que a poboación en xeral debería medirse regularmente a presión para a súa detección precoz.

A HTA pódese clasificar segundo a súa etioloxía da seguinte maneira:

  • HTA esencial: 95% dos casos en que a causa é descoñecida
  • HTA secundaria: 5% restante, secundaria a outras patoloxías

A maioría das hipertensións teñen orixe descoñecida, pero hai hábitos e factores relacionados coa HTA que son modificables, como por exemplo o estilo de vida.


Detección

Detección

Para detectar a HTA de maneira precoz, sería recomendable que che fixeses un “pequeno exame”, é dicir, propómosche que che tomes a PA na consulta do médico ou a de enfermaría do teu ambulatorio, ou ben na farmacia, xa que a maioría delas dispón dun aparello de medición de PA, ou ben, ti mesmo no caso que dispoñas do aparello de PA.

Debes ter en conta as normas para a medición correcta da PA descritas no apartado anterior.

Procedemento

Realiza a medición da PA. Se as cifras son:

  • Inferiores a PAS: 140 e PAD: 90--> procura levar unha vida saudable (practicar exercicio físico, non fumar, non abusar do alcohol, etc.) e realiza controis anuais de PA.
  • Superiores a 140/90, repete a medida dous días máis:
    • Se estes dous días os valores normalizáronse, procura levar unha vida saudable e realiza controis anuais de PA.
    • Se estes dous días as cifras de PA permanecen elevadas por riba de 140/90 debes aplicar o tratamento non farmacolóxico (anexo 2 e 3) durante dous meses e realizar controis de PA cada quince días.

Finalizados estes dous meses de tratamento non farmacolóxico:

  • Se aplicando o tratamento os valores de PA normalizáronse, continua aplicandoo, e repete os controis de PA cunha periodicidade mensual.
  • Se os valores de PA persisten elevados, debes pórte en contacto co teu médico de cabeceira para que valore a necesidade de instaurar tratamento non farmacolóxico.

En calquera caso, sempre que nunha medición aparezan valores superiores a 180/110, consulta co teu médico de cabeceira.

Se che tomas a presión teu mesmo, é importante lembrar que a PA de calquera individuo non é un valor fixo ao longo do día, senón que está suxeita a constantes variacións e modifícase por numerosas circunstancias, polo que se obtén unha mellor estimación cando se efectúan varias medidas.

Para proceder, de forma correcta, á medida de PA hai que seguir as seguintes recomendacións:

  • Non proceder á medida despois de comer ou realizar exercicio físico intenso.
  • Evitar medir a presión en caso de dor ou situacións de estrés.
  • Procurar urinar antes de medir a PA.
  • Evitar o consumo de café, alcohol ou tabaco unha hora antes de tomar a PA.
  • Repousar, sentado como mínimo cinco minutos antes de efectuar a medición, nun ambiente tranquilo, sen ruídos e temperatura agradable.
  • Manter unha postura cómoda e relaxada, co lombo apoiado no respaldo e evitando cruzar as pernas.
  • Realizaranse dúas lecturas separadas por un intervalo de tempo de polo menos dous minutos.
  • Ter en conta fármacos ou substancias que poida estar tomando e teñan efectos sobre a presión arterial.

Estudo

Estudo

Coa finalidade de avaliar a porcentaxe de poboación traballadora que padece este factor de risco e a poboación sa (non hipertensa), pedimos que TODOS os empregados que así desexédelo, respondades o cuestionario que vos anexamos e enviédelo por correo interno ao Servizo Médico de Mutua Universal (nº de centro 7053)

Medídevos a PA, se as cifras son inferiores a 140/90, cubride os datos persoais e a casa do primeiro día, o cuestionario estará rematado. Se os valores de PA do primeiro día están por riba de 140/90, realizade a toma de presión dous días máis, enviádenos o cuestionario e comezade a aplicar o tratamento non farmacolóxico, aos dous meses de empezar este tratamento, repetide o cuestionario e enviádeo de novo.

Os datos referidos ao cuestionario seguirán as indicacións da Lei de protección de datos de carácter xeral e persoal, Lei orgánica 15/1999, así mesmo, pola mesma, vostede poderá esixir en calquera momento o acceso, oposición, cancelación e rectificación dos datos.


Preguntas máis frecuentes

Preguntas máis frecuentes

Que é a HTA?

É a elevación continuada das cifras de presión arterial, tanto a sistólica como a diastólica. Unha persoa é hipertensa cando ten repetidamente unha presión arterial igual ou por riba de 140/90 mmHg.

A quen afecta e porqué é importante?

Afecta arredor do 20% da poboación adulta. Esta porcentaxe aumenta coa idade. A HTA dáse tanto en homes coma en mulleres, pero a partir da menopausa, é máis frecuente en mulleres.

É importante porque ter HTA incrementa o risco de sufrir enfermidades de corazón, ril, cerebro e dos vasos arteriais.

Como sabemos se unha persoa ten a presión elevada?

Hai que ter en conta que a HTA non dá síntomas.

Para ser diagnosticado de hipertenso NON é suficiente cunha única medida da PA.

Debes medirche a presión en diferentes visitas consecutivas. Para facer o diagnóstico de HTA todos os valores de PA deben ser elevados.

Por que é necesario tratala?

Porque baixar a presión arterial evita a aparición de enfermidades cardiovasculares como infarto, embolia ou hemorraxia cerebral.

Hai que conseguir reducir e manter as cifras de presión arterial por debaixo de 140 e 90 mmHg. No caso de pacientes diabéticos as cifras teñen que ser máis baixas (por debaixo de 130/85 mmHg).

Como pódese baixar a PA?

Realizando as seguintes modificacións no estilo de vida:

  • Reducir peso: A perda de peso, sobre todo nos obesos, dá lugar a unha redución da PA. Unha redución de 4 a 5 kg de peso xa repercute favorablemente sobre a presión arterial.
  • Reducir o consumo de sal: Hai que acostumar o padal ás comidas con pouco sal, hai que evitar alimentos precociñados, embutidos, conservas, salgaduras, afumados, etc.
  • Facer actividade física regularmente: Se non practicas ningún deporte habitualmente, sería recomendable que de maneira regular, deses un paseo a paso lixeiro durante 35-45 minutos tres ou máis días á semana.
  • Reducir o consumo de alcohol: Hai que moderar o consumo.
  • Deixar de fumar: O tabaco é un factor de risco cardiovascular; deixar de fumar e realizar controis de PA repercute favorablemente sobre a saúde.
  • Tomar a medicación: Nunha parte dos pacientes son suficientes as modificacións no estilo de vida para reducir a PA. Noutros non son suficientes e hai que recorrer á administración de fármacos. Non deixes de tomaros!
  • Calquera introdución dun novo medicamento debe ser autorizado por un médico.
  • Asegurarse de que se entendeu correctamente a dose, a frecuencia e a hora á que se ten que tomar a medicación.
  • É importante tomar a medicación sempre á mesma hora,así diminúen os esquecementos.
  • Ponche en contacto co teu médico ou enfermeiro ante a aparición de calquera problema que poida relacionarse coa toma de medicación.

Cada canto hai que tomar a presión?

É moi variable e está en función das cifras de presión arterial, a presenza doutras enfermidades, etc. En caso dun bo control, unha visita cada 3-6 meses é suficiente. Anualmente hai que facer unha avaliación médica.

É moi importante medir a presión regularmente, é a mellor maneira de evitar complicacións.


Alimentos

Alimentos

Alimentos ricos en sodio (evitalos)

  • Sal
  • Todos os embutidos
  • Foie-gras
  • Todos os alimentos precociñados 
  • Carnes de touciño e parrulo 
  • Arenques e peixe en conserva, afumados e salgaduras 
  • Vísceras 
  • Todos os mariscos e crustáceos 
  • Leite en po e condensado, queixos curados e “queixiños”
  • Bolaría industrial 
  • Acelgas e fiuncho 
  • Todos os froitos secos que leven sal 
  • Olivas 
  • Salsas comerciais (mostaza, ketchup, etc.) 
  • Todas as conservas 
  • Todas as bebidas con gas
  • Patacas frixidas, aperitivos industriais, etc. 
  • Bicarbonato e antiácidos con sodio

Alimentos pobres en sodio (uso preferente)

  • Carne de tenreira, vaca, polo e coello
  • Ovos
  • Todos os peixes (agás os non recomendados)
  • Leite, yogurs, queixos frescos, manteiga sen sal, etc.
  • Bolaría elaborada na casa sen sal
  • Espárragos, coles de Bruxelas, chícharos, patacas, coliflor, ravos, etc.
  • Legumes
  • Todos os froitos secos (sen sal)
  • Salsas elaboradas na casa sen sal
  • Todas as froitas
  • Zumes naturais