Revisión da prestación extraordinaria por cesamento de actividade dos traballadores autónomos (POECATA1)

Publicado o: 20/03/2024

Establecidas no artigo 9 do Real decreto-lei 24/2020, do 26 de xuño, de medidas sociais de reactivación do emprego e protección do traballo autónomo e de competitividade do sector industrial.

Os aspectos que hai que revisar da prestación POECATA 1 (artigo 9 do Real decreto 24/2020) son os seguintes:

  1. Estar percibindo ata o 30 de xuño a prestación extraordinaria por cesamento de actividade prevista no artigo 17 do RD-lei 8/2020 (art. 9.1).
  2. Estar afiliados e en alta no RETA o 01.07.2020, así como manterse de alta (art. 9.1 e 330.1.a TRLXSS) durante toda a percepción da prestación.
  3. Ter cuberto o período mínimo de cotización por cesamento de actividade a que se refire o artigo 338 do TRLXSS (art. 9.1 e 330.1.b TRLXSS).
  4. Non ter a idade ordinaria para causar dereito á pensión contributiva de xubilación, salvo que o traballador non tivese acreditado o período de cotización requirido (art. 9.1 e 330.1.d TRLXSS).
  5. Cumprimento das obrigas laborais e de Seguridade Social respecto a traballadores ao seu cargo (art. 9.1).
  6. Incompatibilidade co traballo por conta allea (art. 342.1 TRLXSS).
  7. Incompatibilidade con pensións ou prestacións da Seguridade Social, salvo que estas fosen compatibles co traballo que deu lugar á prestación por cesamento de actividade (art. 342.1 TRLXSS).
  8. Estar ao corrente no pagamento das cotas á Seguridade Social (art. 9.1).
  9. Acreditar unha redución na facturación durante o terceiro trimestre do ano 2020 de polo menos o 75% en relación co mesmo período do ano 2019 (art. 9.1).
  10. Non obter durante o terceiro trimestre de 2020 uns rendementos netos superiores a 5.818,75 euros.
  11. A base reguladora da prestación como media das bases polas que se cotizase durante os 12 meses continuados e inmediatamente anteriores á situación legal do cesamento (art. 339.2 e 3 TRLXSS).
  12. O importe das cotizacións por continxencias comúns, aboado ao traballador coa prestación económica, que lle correspondese ingresar se o traballador autónomo estivese sen desenvolver ningunha actividade.

Todas as comunicacións que se fagan remitiranse ao enderezo electrónico que se indicou no seu momento no propio formulario de solicitude da prestación, xa sexa por correo electrónico (resolucións favorables) ou a través de notificación electrónica (trámites de audiencia e posteriores resolucións de emenda de diferenzas ou denegación da prestación).

As prestacións percibíronse entre o 1 de xullo de 2020 e o 30 de setembro de 2020. Se se solicitaba durante os 15 primeiros días de xullo, senón, a prestación iniciábase o día seguinte á solicitude.

No suposto de que a persoa autónoma reciba notificación de emenda da documentación, deberá entrar na ligazón que se anexa na carta e proceder a enviar a documentación pertinente para solucionar. 


Na notificación que se recibiu, na parte superior do documento está o ID de emenda, co que se poderá acceder ao trámite web, xunto co número de documento de identidade.

No mesmo documento, detállase o motivo polo cal a súa prestación foi revisada e se detectou unha serie de incidencias que poderían afectar ao cumprimento dos requisitos legalmente establecidos ou aos importes aboados. A notificación recibida informa da apertura do trámite de audiencia, para o cal se dispón dun prazo de 15 días hábiles para presentar a documentación indicada en cada apartado e poder formular as alegacións e xustificacións que se consideren oportunas (lémbrase que non se teñen en conta os sábados, domingos e festivos para o cómputo de días).

No caso de que se queira renunciar a este trámite de audiencia, ou se no prazo de 15 días hábiles non se presentou a documentación ou se formularon alegacións, emitirase a resolución definitiva, ditando acordo denegatorio ou de concesión definitiva, pero con importes indebidos da prestación, reclamando os importes que percibiron no seu momento.

 Se se necesita saber máis información sobre a documentación que é preciso achegar para emendar a incidencia, no documento da notificación que se recibiu por correo electrónico figura a persoa xestora que o poderá axudar en todo momento.